DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A que, ata agora, era a EU de Estudos Empresariais celebra o seu “bautismo”

Da Escola Pericial de Comercio á Facultade de Comercio. 102 anos de estudos empresariais en Vigo

Nun acto que puxo en valor o espírito de loita dun centro que forma parte da historia da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/04/2022

Hai algo máis dun ano a Escola Universitaria de Estudos Empresariais conmemoraba o seu centenario á espera de poder confirmar o seu cambio de nome. Agora esta nova denominación é xa unha realidade e, para celebralo, a nova Facultade de Comercio acolleu este martes un acto institucional coincidindo tamén coa festividade do seu patrón, San Vicente Ferrer.

Transcorreron así case 102 anos dende que nacía en 1920 a Escola Pericial de Comercio ata que neste 2022 o centro volvese a recuperar a denominación de Comercio presente no seu nome orixinal. As encargadas de repasar este século de historia foron a exdirectora do centro María del Pilar López Vidal, a profesora María Jesús Barsanti e a subdirectora do centro Araceli González Crespán. Cada unha delas abrangueu unha época desta ampla historia, de 1920-1972, de 1972-2010 e 2010-2022. As tres fixeron fincapé no espírito de loita do centro e da súa comunidade educativa formada por docentes, estudantes e traballadores que, ao longo de cen anos, foron reclamando e pelexando melloras por exemplo nas infraestruturas, nos edificios ou na oferta académica. 

Unha celebración moi agardada

O reitor, Manuel Reigosa, que felicitou ao centro por unha “noticia tan longamente esperada”, tamén recalcou este espírito de loita que caracteriza ao centro, “unha loita moi viguesa, porque a cidade tamén se fixo así, tentando, sen moita axuda de fóra, facer sempre o mellor posible”. Destacou Reigosa que esta facultade, xunto coa EEI, “formaron os vimbios do que hoxe é a Universidade de Vigo” e púxoa como exemplo do que “queremos ser, unha Universidade comprometida coa contorna, que espera devolverlle á sociedade todo o que a sociedade nos dá” e recalcou o papel da formación que nela se imparte para que as empresas de Vigo e Galicia teñan o coñecemento que precisan. Ademais, o reitor tamén quixo poñer el valor “algo que non se mide nos ránkins, que é o agarimo, o sentimento que se nota sempre neste centro, e aspiramos a que toda a Universidade de Vigo sexa igual de agarimosa que a Facultade de Comercio”.

A directora do centro, e en breve decana, Consuelo Currás, recalcou que a facultade acaba de nacer, pero ten xa máis de 100 anos historia, e subliñou que se recupera para esta nova etapa o nome de Comercio, co que xurdiu en 1920. Dese século de vida Currás destacou uns valores que o novo centro conservará: “traballo, esforzo e respecto mutuo dos diferentes colectivos que formamos parte da nosa querida Universidade, así como a colaboración coas distintas institucións e empresas”. A directora tamén se comprometeu a que o centro “siga recoñecéndose na nosa cidade e fóra dela, abríndose ao mundo e traballando para que o alumando se sinta orgulloso da súa facultade, dos coñecementos que nela adquiriron, así como da súa experiencia universitaria”. O obxectivo para a nova etapa é “moi claro”, recalcaba, “seguir traballando e ofrecendo formación de calidade, actual e acorde co mundo e coas empresas”. Todo isto pasa pola formación de grao, polas dobres titulacións, eido no que o centro é pioneiro, a formación permanente, a investigación e o compromiso coa igualdade e integración, recalcaba a directora. Para todo, iso Currás destacou por riba de todo “as persoas, porque todos somos importantes e todos formamos parte dese todo común”.

Pola súa banda, alcalde da cidade, Abel Caballero, felicitou a toda a comunidade da facultade porque “sodes o corazón desta cidade”, porque cando Vigo comezou a súa andaina “para converterse no que hoxe é, os apoios foron esta facultade e a de enfronte”, en referencia á EE Industrial. De feito, destacou o rexedor, “unha dúas grandes patas que lanzaron esta cidade” foi a aparición desta escola en 1920, na que “tantas persoas se formaron e, dende o seu coñecemento e profesionalidade, trazaron parte da economía de Vigo. Sen esta facultade, Vigo non sería a historia de éxito que é”. Caballero tamén puxo en valor a “emoción, o cariño e a paixón” que caracterizan o centro, “esa é unha parte da alma e do corazón da cidade, porque Vigo é, foi e será tanto como sexa a nosa economía”.

100 anos de loita

A exdirectora do centro María del Pilar López Vidal foi a encarga de lembrar que o centro naceu “un caloroso 6 de agosto de 1920, unha filla moi desexada dende mediados do século XIX polos seus pais: o Concello e a Cámara de Comercio”. Foi bautizada como Escola Pericial de Comercio. As clases comezaron no curso 1920-1921 con 77 estudantes nas instalacións da Escola de Artes e Oficios e así comezou a historia do segundo centro máis antigo da Universidade de Vigo. Un ano despois, a escola xa comezaba unha loita polo cambio de nome, para poder denominarse Escola Profesional, o que implicaría unha maior categoría, aínda que o esforzo non tivo éxito. Un curso mais tarde xa eran 193 estudantes e o espazo resultaba insuficiente, o que segue a espertar reivindicacións da comunidade universitaria. Outro fito importante foi o envío, en 1926, de dous estudantes de intercambio a Le Havre, converténdose nun centro pioneiro do que despois serían os programas de mobilidade Erasmus. En 1932, cando o centro celebra a súa maioría de idade, pasa a denominarse finalmente Escola Profesional de Comercio e os estudantes “pasan a ser, ademais de peritos, tamén profesores mercantís”. Tras varios traslados, e despois de seguir demandando melloras, non foi ata 1942 cando se constrúe a actual sede en Torrecedeira, un verdadeiro fito para a escola, aínda que tan só cinco anos despois o espazo xa volvía ser insuficiente. 

Os cambios lexislativos que comezaron a fraguarse en 1967 plasmáronse finalmente en 1972 na conversión da Escola Profesional de Comercio en Escola Universitaria de Estudos Empresariais. A encargada de lembrar esa etapa foi a profesora María Jesús Barsanti, que apuntaba que, a partir dese momento, o alumnado pasa a cursar unha diplomatura. Desta etapa destaca a incremento da relación coas empresas da contorna, xa moi estreita dende a fundación, o fomento dos programas de mobilidade, as prácticas en empresas ou a creación da revista do centro, Decisión. Nestes anos a matrícula crece incesantemente, o que provoca máis protestas e novas ampliacións. En 1990 a escola é testemuña do nacemento da Universidade de Vigo, lembraba Barsanti, “e comezamos unha nova andaina onde a antigüidade a achegamos a EUEE e a EE Industrial”. No curso 1995-1995 o centro celebraba o 75 aniversario e foi nomeada Viguesa Distinguida, pero tamén se achegaban algúns dos anos máis complexos para o centro, cando solicitan a titulación de Turismo, que finalmente se outorga a Ourense, e cando coa implantación do Plan Boloña, se plantexa “a desaparición do centro” porque suporía, segundo a UVigo, “duplicar os estudos” que impartía a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “Comeza unha loita pola supervivencia” que finalmente se traduce na creación do Grao en Comercio sen poder converterse en facultade. 

Esa nova etapa, dende 2010 á actualidade foi relatada pola subdirectora do centro, Araceli González Crespán, que lembrou que o proceso de cambio de denominación durou unha década. Co grao en marcha, o centro insistía na necesidade de converterse nunha facultade, pero a petición quedou aprazada. En 2008 ponse en marcha o mestrado en Comercio Internacional e, en 2011, o de Dirección de Pemes. Finalmente, e tras celebrar o curso pasado o seu centenario e completar todos os trámites necesarios, o Consello Galego de Universidades aprobou o pasado mes de febreiro o cambio de denominación da escola, decisión que publica o DOG do 11 de marzo deste ano. A Facultade de Comercio xa pode celebrar o seu bautismo.