DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas instalacións do campus ofértanse 10 modalidades, dende squash ata triatlón e meditación

As Escolas Deportivas alíanse cos ximnasios da cidade para ofrecer máis flexibilidade de horarios e actividades

Os membros da comunidade universitaria benefícianse de descontos na matrícula nestes centros deporti

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 09/09/2011

O Servizo de Deportes da Universidade aposta por un cambio de tendencia para as súas Escolas Deportivas estreitando a súa colaboración cos ximnasios da cidade para ofrecer maior flexibilidade tanto de horarios como de actividades. Así, ademais das actividades deportivas que se desenvolven no campus, os membros da comunidade universitaria poderán beneficiar de descontos e condicións vantaxosas en 11 centros deportivos de Vigo. A idea, como explica Alexandre Sanjorje, técnico do Servizo de Deportes, é ter un programa máis amplo, con máis actividades e en máis lugares, “para quen ninguén teña escusas para non facer deporte”. Ata agora, os cambios nos horarios lectivos, as prácticas ou os exames motivaban o abandono de moitas das actividades deportivas específicas ao longo do curso, pero colaborando cos ximnasios os usuarios poden gozar dunha ampla alternativa para adaptarse ás súas necesidades.

Actividades específicas no campus

Nas instalacións deportivas do Servizo de Deportes ao longo do ano desenvolveranse cursos de ioga, meditación, tenis e xadrez, ambos en modalidade de iniciación e perfeccionamento, tríatlon, atletismo e carreiras de orientación. Tamén no campus, no Complexo Deportivo Universitario ofértanse clases de aquagym, natación, squash.

A outra alternativa son os Centros Deportivos Abertos, unha alianza entre Universidade e ximnasios que xa se viña poñendo en marcha nos últimos cursos e que permite un desconto substancial nos prezos. Neste cuadrimestre, alumnos, PDI e PAS poderán elixir ximnasio entre Complexo Deportivo Universitario, Máisqueauga, Lanzalía, Coliseum, Progress Gym, Ximnasio C. Simón, Budo Aqua Sport e Ximnasio Kiap. Ademais, no ximnasio El Castro ofértase spinning, no Ximnasio Escola Vigo judo e no Ximnasio Tao, taekwondo.

O importe da matrícula nos Centros Deportivos Abertos depende das tarifas de cada ximnasio, do mesmo xeito que os horarios e da acceso ás instalacións e ás actividades que oferta o mesmo que sexan gratuítas para os abonados. Esta iniciativa permite aos membros da comunidade universitaria reducir o prezo da matrícula, en algúns casos mesmo á metade, con respecto aos usuarios habituais destes centros deportivos, polo que “a demanda nesta primeira semana de matrícula está sendo moi alta”, explica Sanjorje.

Vantaxes das tarxetas deportivas e prazos de matrícula

Outra das vantaxes que oferta o Servizo de Deportes para os membros da comunidade universitaria son a Tarxeta Deportiva Universitaria Básica e a Tarxeta Deportiva Universitaria Ponte en Forma. Ademais dos beneficios e vantaxes que ofrece cada unha delas, os seus titulares poderán obter un 20% de desconto na matrícula das Escolas Deportivas.

O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas para o primeiro cuadrimestre pecharase o vindeiro 28 de setembro e as actividades botarán a andar o 3 de outubro interrompéndose entre o 23 de decembro e o 27 de xaneiro, data na que se retomarán ara o 11 de febreiro. Para o segundo cuadrimestre abrirase un prazo de renovación e outros de nova matrícula. Para a validación de créditos é necesario acreditar unha asistencia mínima do 85%, pero non se recoñecerán créditos por unha actividade e un nivel xa concedidos con anterioridade.

Ademais, para todo o alumnado de novo ingreso o servizo pon á súa disposición unha guía básica para informalos de todos os servizos e actividades nas que poden participar.