DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro dos seus estudantes participaron nun desfile europeo na cidade de Brest

Esdemga deixa a súa esencia na Bretaña francesa

A escola pontevedresa foi a única representante española

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 07/11/2012

Cada vez son máis os territorios da esfera internacional que coñecen a concepción de creación de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño e Moda Téxtil de Galiza. Desta volta, a escola foi convidada á Bretaña francesa pola asociación cultural Cultur´au fil para participar nun desfile europeo no que deixase pegada da “súa verdadeira esencia creativa”. Esdemga representou a España neste evento a través do talento de catro dos seus estudantes que viaxaron á cidade de Brest para proxectar internacionalmente a súa filosofía no deseño “mostrando ao mundo a nosa idea de moda”, sinala a profesora Rocío Gómez Juncal, unha das coordinadoras da colaboración.

A asociación bretona Cultur´au fil, de recente creación e centrada na proxección cultural da zona, foi a principal responsable deste desfile de moda de carácter internacional co que buscaban establecer vínculos e conexións entre escolas formativas europeas do sector. “Fomos convidados expresamente a formar parte deste evento”, matizan dende o centro, sinónimo “de que nos coñecen máis aló das nosas fronteiras”, engade Gómez Juncal. Ademais de promover a procura de sinerxías entre distintas concepcións de creación, o encontro tamén quixo promocionar o talento das novas promesas do deseño e da moda, para o que deron a oportunidade a un total de 30 alumnos e alumnas procedentes, ademais dos 4 de España, de Polonia, Estonia, Irlanda, Francia, Bélxica, Portugal ou Italia.

Finalistas ante un xurado liderado por Paco Rabanne

Baixo a sinatura de Esdemga viaxaron a Brest Yeray Suárez, Pilar Ullod, Rodrigo Pintos e Marta Domínguez, que conformaron a delegación española. Cada un achegou un estilismo de alta costura, un pequeno adianto do que amosarán na pasarela Debut 2012 que se celebrará o vindeiro 22 de novembro en Pontevedra. A tradición cultural foi a liña argumental escollida para esta primeira edición do desfile “polo que o alumnado adaptou o concepto xenérico imposto á súa liña de creación que amosará por completo en Debut”, aclara Gómez Juncal. Cun xurado formado, entre outros profesionais, polo deseñador Paco Rabanne ou pola Miss Francia 2011, Lauy Thilleman, unha das alumnas de Esdemga, Marta Domínguez, conseguiu convencelo coa súa proposta e converteuse nunha das finalistas.

“O alumnado fixo un balance moi positivo da experiencia e a escola tamén”, subliña a coordinadora da actividade, pois este tipo de colaboracións internacionais convértense en “plataformas perfectas” para que os novos talentos do deseño e da moda poidan proxectar os seus estilismos e comezar a crear a súa rede de contactos, “moi importante sobre todo no empezo das carreiras profesionais”, matiza. Aínda que a invitación a participar neste desfile internacional foi a nivel institucional, “sempre buscamos darlle a posibilidade a todo o noso estudantado de poder viaxar e dar a coñecer os seus estilismos e a súa idea de deseño e non só en escaparates nacionais, senón cada vez máis internacionalmente”, conclúe.