DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres dos seus estudantes participan no proxecto transfronteirizo Euroclustex Plus

Esdemga estende o seu estilo a Portugal

Froito da colaboración, estudantes lusos tamén participarán en Debut 2012

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 27/09/2012

O concepto de creación de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, aterra na rexión do norte de Portugal da man de Euroclustex Plus, un proxecto transfronteirizo promovido polo Clúster Textil-Moda da Eurorrexión que busca crear sinerxías e colaboracións entre as institucións do sector da fronteira. Este encontro celebra a súa segunda edición e desta volta a organización decidiu convidar a Esdemga para que mostrase o seu estilo innovador e experimental coa participación de tres estudantes de terceiro que amosarán este xoves as súas propostas no Salón Modtissimo de Porto.

“Sempre é un orgullo que nos conviden a este tipo de eventos nos que podemos proxectar e dar a coñecer máis aló das nosas fronteiras o traballo que se desenvolve na escola”, explica Rocío Gómez Juncal, unha das profesoras de Esdemga, que tamén destaca o enriquecemento cultural e a rede de colaboracións internacionais resultantes destes encontros.

Pilar Ullod, Rafael Camaselle e Yeray Suárez son os tres alumnos de Esdemga que participan neste segundo intercambio de novos estilistas e profesionais organizado por Euroclustex Plus, que neste segundo ano convidou a Esdemga como representante galega e á Escola Tecnolóxica Téxtil por parte de Portugal. Con esta iniciativa, o clúster pretende promover encontros entre as novas promesas e aproximar as institucións de ensino das dúas rexións. Como resultado, alumnos portugueses participarán nos eventos de Debut 2012 “facilitando e facendo realidade o intercambio e fluxo de alumnado entre as dúas rexións, diluíndo os efectos das fronteiras e xerando unha proximidade profesional e tamén afectiva entre os futuros deseñadores”.

Un adianto de Debut 2012

Os tres estudantes que participan neste encontro cultural, Pilar Ullod, Rafael Camaselle e Yeray Suárez, amosarán en Portugal un pequeno adianto das propostas que se poderán ver en novembro en Debut 2012, no desfile dedicado ás propostas experimentais froito da inspiración de alumnado de segundo curso. Cada un dos estudantes só puido viaxar cun estilismo, polo que Pilar Ullod escolleu un da súa colección Llorona, na que une conceptos tan dispares como a morte e a xuventude e da que destaca o traballo artesanal con bordados e incrustacións de cristais de Swarowsky. Pola súa banda, Rafael Comeselle optou por un deseño inspirado nos traxes dos penitentes da Semana Santa, con detalles que fan alusión ao vestiario eclesiástico e xogando coas cores branca, gris e negra. Yeray Suárez tomou como referencia a película I walked with a zombie para deseñar un traxe masculino no que alterou a patronaxe para que as prendas non quedasen centradas sobre o corpo, desprazándose á esquerda ou á dereita segundo o estilismo. Para contrastar a innovación, optou por técnicas de xastrería clásica.

Euroclustex Plus impulsou este proxecto no pasado ano enfocado ao reforzo da cooperación, da articulación de prácticas e de intereses do sector nas dúas rexións. Os seus principais obxectivos son fomentar encontros e plataformas de intercambio de ideas así como facilitar a mobilidade de capital humano, fundamentalmente o dos estudantes. Dende Portugal, este encontro está promovido pola Asociación Téxtil e Vestiario de Portugal e polo Citevi, mentres que dende Galicia conta co apoio da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia, Cointega.