DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración do ciclo de conferencias ‘Participar da Educación Infantil’, que se imparte en A Estrad

Un espazo para aprender a comprender aos máis cativos da casa

Ata o día 25 sete expertos promoverán un proxecto educativo común entre escola e familias

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Noemí Rey DUVI 24/01/2013

Non hai ningún neno que veña con manual de instrucións baixo o brazo. Por qué choran, gritan, rin, cantan, pintan, tiran cousas, sinalan…? Sinxelo: para comunicarse. E iso é o primeiro que deben aprender os pais e nais. Para axudalos no camiño e afondar na simbiose que debe de haber entre escola e familia para educar a nenos e nenas A Estrada acolle dende onte e ata o 25 de xaneiro o ciclo de conferencias Participar na Educación Infantil: un punto de encontro entre familia e escola, organizada pola Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra dentro das I Xornadas de Educación Infantil deste concello. Unha actividade con gran éxito de acollida no que sete expertos proporcionarán a familia, docentes e futuros mestres “un espazo para a reflexión e a comprensión dos nenos e nenas de 0 a 6 anos. Por moitas razóns, pero sobre todo pola calidade humana, académica e científica dos conferenciantes que nos acompañan e pola relevancia das temáticas que se abordarán”, explicou Esther Martínez, coorganizadora e profesora do departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Universidade de Vigo.

Implicación da familia

As xornadas, completadas cunha semana de obradoiros sobre como ensinar con linguaxes expresivas dirixidos pola Escola Infantil Elfos, teñen un obxectivo claro: “promover un proxecto educativo común entre escola e familias, poder rachar fronteiras entre ámbitos e entre etapas, pois a educación é unha tarefa compartida que debe ter unha liña de acción conxunta”, subliñaba Martínez. Unha idea de “dobre implicación sumamente importante para a formación integral dos escolares” que tamén quixo resaltar a decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, xa que nin o colexio é o único contexto de educación nin os docentes os únicos implicados nelas. Trátase de ver a educación como un eido no que pais, nais e docentes deben camiñar da man para traballar no perfecto desenvolvemento intelectual, emocional e social dos cativos, fomentando a súa autoestima, a mellora do rendemento escolar e as relacións sociais.

A través deste ciclo de relatorios, sete especialistas en didáctica, psicoloxía e medicina irán afondando nas últimas tendencias educativas, ofrecerán as claves para coñecer todas as posibilidades da educación como transmisor de valores e porán sobre a mesa a dimensión emocional que posúe. Unha actividade que amosa que a Universidade “é sensible á formación continua e complementaria” máis alá das aulas; “á práctica, máis alá da teoría e do corpus do coñecemento co que nos identifican”; e a outro tipo de destinatarios e eidos, como resaltou Esther Martínez.

Público variado

Durante todos estes días o concello de A Estrada dará acubillo a un amplo espectro de público para participar nestas xornadas. Por unha banda, alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, aos que Martínez quixo felicitar “pola súa andaina na formación complementaria. Máis alá dos muros da facultade tendes que acudir a formarvos para ser mestres activos, algo no que sempre insistimos dentro das aulas”. Pola outra, os actuais docentes que queren seguir indagando máis sobre os rapaces que teñen na clase e os pais e nais, “porque nós, a familia, somos o primeiro referente na educación dos nosos fillos. A todos grazas por facer verdadeiros quebracabezas para poder conciliar casa, traballo e formación”.