DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional no que participan 200 persoas

Especialistas de diferentes países analizan en Ourense os retos que afronta a mocidade tutelada no seu tránsito á vida adulta

Nel celébranse os 25 anos do Programa Mentor deste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 29/11/2023

Xerar coñecemento para mellorar a transición cara a vida adulta independente da xuventude que está no sistema de protección. Con este obxectivo, a Facultade de Educación e Traballo Social e Igaxes celebran no campus de Ourense, do 29 de novembro ao 1 de decembro, o I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección. A cita conta coa asistencia de arredor de 200 persoas e a participación de representantes de máis de 13 universidades (de España, Portugal, Arxentina, Irlanda e Brasil) e de 16 entidades estatais e internacionais do terceiro sector. Nela conmemóranse os 25 anos do Programa Mentor de transición á vida adulta desta xuventude, financiado polo Fondo Social Europeo e pola Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia.

Retos de futuro

A iniciativa está organizado desde a Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo e a entidade social Igaxes, unha organización non gobernamental que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable e que aposta pola alianza, a través de iniciativas coma este congreso, “co mundo académico e universitario para mellorar a intervención social”. Na súa inauguración este mércores, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, deu a benvida ás persoas asistentes lembrando o compromiso da Universidade de Vigo coa inclusión social e a solidariedade e destacando a relevancia de abordar a temática que centra este congreso desde un enfoque multidisciplinar no que participen todos os axentes implicados na súa mellora, incluído o académico. Pola súa banda, Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta, salientou que ao longo destes anos a través do Programa Mentor promoveuse, colaborando co tecido social, a integración de arredor de 10.000 rapaces e rapazas de entre 16 e 21 anos, recalcando como a mocidade tutelada “necesita e merece esa transición acompañada á vida adulta”.

Desde Igaxes, Carlos Rosón, o seu director, agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo e a implicación da Facultade de Educación e Traballo Social na celebración do congreso e recalcou a importancia de, nun momento de incerteza e cambio constante como o actual, traballar nos retos de futuro que se presentan para o Programa Mentor e para os profesionais e menores implicados. Así, Víctor Manuel Santidrián, presidente de Igaxes, apuntou que entre os principais retos que afrontan no seu tránsito á vida adulta rapazas e rapazas do sistema de protección están a educación, o acceso á vivenda e a saúde mental, lembrando a especial incidencia neste colectivo de índices como o fracaso escolar ou de problemáticas psicolóxicas. Por último, Josep Marí Cervera, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, lembrou que se ben ao longo destes 25 ano do Programa Mentor se lograron “avances significativos aínda quedan moitos retos por abordar”.

O I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección pretende abordar os retos que supón a transición á vida independente deste colectivo desde o punto de vista académico, profesional, administrativo, empresarial e tendo en conta aos axentes implicados no proceso. A conferencia inaugural, que ofreceu unha perspectiva internacional sobre a temática do evento, correu a cargo de Robbie Gilligan, do Trinity College de Irlanda. O programa inclúe conferencias, mesas redondas e relatorios, ademais de actividades complementarias (como unha exposición fotográfica na Sala Alterarte do campus e a unha obra de teatro, titulada Soños, no Teatro Principal).