DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro organizado polo grupo de investigación BiFeGa, retransmitido en UVigo-TV

Especialistas galegos e portugueses afondan nunha xornada internacional na estreita relación entre poesía e política

Entro outros temas, afondarase nas figuras das poetas Ana Luisa Amaral, Xela Arias e Blanca Andreu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/07/2023

Especialistas galegos e portugueses están a participar este luns na Xornada Internacional O poético e o político na actualidade: exemplos dos ámbitos galego e portugués, unha actividade organizada polo grupo de investigación BiFeGa e que, ademais do público presencial no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, conta tamén con numerosos asistentes en liña, integrantes na súa inmensa maioría do grupo de investigación Poepolit, que integra a máis dunha vintena de investigadoras e investigadores que están dispersos polo mundo, desde Brasil a México, pasando por Porto, Santa Bárbara ou Lancaster, dirixidos polo profersor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Intercional José Saramago da Universidade de Vigo.

O obxectivo da xornada é, tal e como explicou Baltrusch durante a apertura do encontro, “reflexionar sobre o poético e o político na actualidade nos ámbitos da literatura galega e portuguesa”, de maneira que se lle dea visibilidade aos diferentes proxectos e teses de doutoramento do ámbito da poesía contemporánea portuguesa e galega, moitos deles vinculados ao proxecto de investigación Poesía actual e política: conflito social e dialoxismos poéticos (Poepolit II), continuación directa de tres traballos de investigación previos, financiados polo Plan Nacional de I+D; así como a outros que se están a levar a cabo ao abeiro da Cátedra Saramago.

Poetas cunha visión transformadora do mundo

A conferencia inaugural correu a cargo de Marinela Freitas, profesora do Departamento de Estudos Anglo-Americanos da Facultade de Letras da Universidade do Porto e membro do Instituto de Literatura Comparada Margarita Losa desta mesma institución, centro co que a Universidade de Vigo leva anos colaborando. Foi o primeiro dos relatorios dedicado á poetisa, tradutora e profesora portuguesa Ana Luisa Amaral, gañadora do Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana 2021, cuxa obra “ofrece unha visión transformadora do mundo, tanto polo fulgor da súa palabra poética, como polo forza política das súas reflexións”, explicou Freitas, quen considerou que, a través dun “rigoroso exercicio da palabra” a poeta aborda na súa obra numerosos desafíos sociais e normas vixentes e dá voz ás persoas máis marxinadas.

A maiores da conferencia inaugural da súa figura falouse tamén nunha mesa redonda na que compartiu protagonismo co poeta Ary dos Santos e co Saramago poeta, “a súa faceta menos coñecida”.
 

“A día de hoxe o grupo BiFeGa é o máis grande do ámbito das Humanidades da UVigo”

Esta actividade é parte do Ciclo BiFeGa 2023 e está co-financiada polo grupo de investigación BiFeGa, un equipo que, tal e como se apuntou o seu actual coordinador na apertura da xornada, xurdiu da unión entre a Biblioteca da Tradución Galega, o Feminario e grupo Gaelt, especializado nos estudos literarios galegos e portugueses. “A día de hoxe o grupo BiFeGa é o máis grande do ámbito das Humanidades da UVigo, contando nestes intres coa participación de máis de medio cento de investigadoras e investigadores”, recalcou o coordinador, ao que engadiu que en 2022 se optou por celebrar un coloquio internacional de todo o grupo, mentres que este ano se decidiu facer un ciclo de actividades máis prolongadas no tempo. “Celebráronse xa dúas xornadas do feminario, outra no ámbito da tradución, e agora tocaba a parte máis centrada no eido da literatura portuguesa e galega”, explicou Balstrusch, quen xa adiantou que en setembro se celebrará unha nova sesión, centrada nese caso no mundo da tradución e a interpretación.