DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vicerreitora e o concelleiro de Educación inauguraron o curso na Facultade de CC da Educación e do

A especialización do campus marca o comezo das clases en Pontevedra

As obras para mellorar a contorna dos centros comezarán neste setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 03/09/2012

O campus recuperou este luns a súa esencia co inicio do novo curso. Todos os centros, a excepción de Belas Artes, celebraron actos de presentacións encabezados polos equipos decanais nos que facilitaron as primeiras instrucións a todos aqueles que comezan a súa andaina universitaria. Tal como adiantou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que acompañou aos recén chegados no seu primeiro día, este ano vai ser clave para o futuro do campus co deseño e a posta en marcha dun plan de traballo específico “que nos especialice e nos faga singulares e únicos”.

Co obxectivo de explotar a potencialidade da súa oferta académica, estase a perfilar o que será “o corpo xeral” do campus, un plan estratéxico sustentado en tres eixes principais, o de creatividade, abandeirado pola comunicación e polo mundo artístico, o de deporte-saúde e o forestal, “o que impulsará as titulacións no eido da investigación e achegará uns maiores niveis de transferencia de coñecemento”, sinala a vicerreitora.

Humanización do campus

Pero non será a única novidade en Pontevedra. Neste mes de setembro comezarán as obras para humanizar o campus, cunha primeira fase que comprende as reformas dos aparcadoiros, zonas verdes e de ocio das Facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, de Fisioterapia e da Escola Infantil. A comezos do vindeiro ano, culminarase a mellora coa peatonalización do centro do campus.

Outras apostas para este novo curso son a Casa Inglesa, un programa de aluguer de pisos para perfeccionar o nivel de inglés do estudantado grazas á convivencia con mozos de fala anglosaxona e co prazo para presentar solicitudes aínda aberto, e o Máster Universitario en Avogacía que vén a ampliar a oferta académica "singular" de Pontevedra.

De Mallorca á Universidade de Vigo

Todos os centros da escola, a excepción da Facultade de Belas artes que o celebrará o seu o 7 de setembro, acolleron cadanseu acto de benvida ao alumnado de novo ingreso. A vicerreitora, acompañada do concelleiro de Educación, Universidade e Deportes do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, recibiu aos novos estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Agradeceulles que escolleran á Universidade de Vigo “como a vosa casa durante estes catro anos que parecen moito pero van ser moi curtos” e explicoulles os servizos da Vicerreitoría, “que está a vosa total disposición para calquera dúbida ou proposta”.

Desta volta, os máis madrugadores foron os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que antes das 9.00 horas xa se concentraban ás portas das aulas para seren recibidos polos coordinadores dos graos. Foi o caso de Marta Vila e Naia Cea, estudantes de primeiro de Publicidade e Relacións Públicas, que se decantaron por esta carreira pola “boa oferta de materias optativas”. Dende Mallorca á Universidade de Vigo desprazáronse Rafael Sastre e José Tomás Lomas, que se matricularon no Grao en Ciencias da Educación e do Deporte para ampliar os seus estudos de Técnico Superior en Actividade Física e Deporte. “Estamos un pouco asustados ao vir dende tan lonxe”, confesan. Os nervios foron un ingrediente presente en todos os actos de benvida, "sobre todo polo medo ao descoñecido", recoñece Miriam Corral, que optou pola titulación de Fisioterapia "para servir de utilidade á miña familia, que padece moito das costas".