DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joaquín Estefanía e Alberto Moreiras, entre os participantes

O espectro político hoxe, a debate no ciclo Universium

Comeza o luns

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/10/2007

Pensamento, diálogo e reflexión. Tres ideas que resumen a filosofía do programa Universium que volve desde o luns, 5 de novembro ao campus de Vigo co obxecto de divulgar o pensamento contemporaneo en relación con temas clave da actualidade. O espectro político hoxe: ilustración e barbarie, é este ano o eixo arredor do que xirará as seis conferencias das que integran o programa e que traerán ata o Edificio Miralles ao director da Escola de Periodismo UAM/ El País, Joaquín Estefanía; os profesores de filosofía Antonio García Santesmases,Felipe Martínez Marzoa, Carlos Thiebaut Louis- Andre;o profesor de pensamento moderno Alberto Moreiras ou á secretaria xeral de igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán.

As conferencias

Precisamente Carme Adán será a encargada o luns, 5 de novembro, de abrir o ciclo cunha intervención titulada Feminismo e cidadanía. As conferencias continuarán o mércores e o xoves coa intervención de Carlos Thiebaut Louis-André que falará de Política e identidade, e Antonio García Santesmases o que ofrecerá, o xoves, unha conferencia titulada Reflexión e espazo público. Universium continuará a seguinte semana con tres novos relatorios. Alberto Moreiras falará o luns de Transculturación e conciencia dobre, mentres que o martes e o mércores será o turno de Felipe Martínez Marzoa e Joaquín Estefanía que ofrecerán candansúa conferencia titulada De poder e dereito e Poder político e poder económico.
O ciclo, que este ano conta coa colaboración do Parlamento de Galicia, "promove", en palabras da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza "a comunicación en busca dos puntos de encontro entre as distintas posicións existentes á hora de abordar os temas propostos". En relación co tema elixido este ano, O espectro político hoxe: ilustración e barbarie, os profesores de filosofía da Universidade de Vigo e coordinadores do ciclo, Arturo Leyte e Jorge Álvarez afirman que "no horizonte da democracia crúzanse de maneira nova esas dúas liñas de forza, sen definición clara, que paradigmáticamente se poden nomear como ilustración e barbarie, que coexisten incerta e espontaneamente modelando un conflitivo e confuso espazo político que resulta obrigado volver a pensar".

Colaboración do Parlamento de Galicia

60 son as prazas fixadas para participar no curso que este ano conta coa colaboración do Parlamento de Galicia. Precisamente a súa presidenta, Dolores Villarino, participará o luns, 5 de novembro, na inauguración do ciclo, mentres que a vicepresidenta Tareixa Paz e o secretario, José Manuel Baltar, presentarán aos conferenciantes que tomarán parte na primeira semana do programa.
Todas as confencias terán lugar na Sala 1 do Edificio Miralles ás 12:30 horas.