DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sostén o investigador Jesús Fandiño, tras estudar os efectos das políticas públicas desde a transici

O Estado tivo un papel hexemónico na promoción das artes plásticas

Na súa tese, afonda en como os diferentes gobernos empregaron a cultura para a construción do seu re

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 12/07/2016

Ao longo das últimas catro décadas, as políticas culturais desenvolvidas desde a administración conduciron a unha “progresiva presenza do Estado e dos seus organismos derivados como axentes activos e case que hexemónicos dentro da produción de actividade en relación coas artes plásticas”. Esta é unha das principais conclusións que o investigador e artista Jesús Fandiño extrae da súa tese de doutoramento en Belas Artes, para a que analizou o impacto na arte das políticas levadas a cabo polos diferentes gobernos de España desde a transición e ata o ano 2004, período no que se produce “a consolidación e expansión definitiva” dun modelo de “Estado cultural”, no que as artes son promovidas desde a administración como un “mecanismo de produción de relato dentro da retórica política”.

A busca dun discurso de “credibilidade democrática” por parte da UCD nos primeiros anos de transición, o uso das artes para promover unha “imaxe de modernidade” na etapa de Felipe González ou a potenciación das súas “funcións de acompañamento” das relacións diplomáticas nos gobernos do PP foron analizados detalladamente por Fandiño na súa tese Efectos e impactos sobre las artes plásticas de las políticas culturales en España, 1977-2004, que dirixiu o profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Román. “Na produción do actual sistema da arte en España, os axentes públicos foron progresivamente converténdose nos actores hexemónicos”, sostén Fandiño nunha investigación na que afonda no modelo desenvolvido ao longo das últimas décadas e como este supuxo, á súa vez, un “continuo afastamento” doutro tipo de sistemas. Ese sería o caso, por exemplo, dos vinculados ao papel das fundacións, así como a “carencia doutros modelos posibles con orixe na sociedade civil, unha “auténtica materia pendente en España”.

Deste xeito, as políticas impulsadas polas diferentes administracións remataron convertéronse nas únicas existentes, dando lugar a un escenario “cativo da súa propia entidade e orixe”, no que as accións vinculadas coas artes plásticas parten dunha “xestión política, interesada en obter unha alta produtividade de eventos no cuantitativo, propostos para o curto prazo e o eco mediático”, como sinala Fandiño. Un escenario, engade, que se vai traducir “nunha profusión de mostras colectivas ou de índole temática, progresivamente tendentes cara a axenda do político e as súas retóricas”, que vai provocar que o foco de interese se sitúe “no produto finalizado”, na exhibición de obras, por riba da formación de artistas ou a produción de pezas, “fóra dalgunhas convocatorias moi puntuais”.

Do relato da reconciliación á marca España

Recoñece Fandiño que, a pesares dos cambios de goberno, o “modelo de intervención” do Estado, sustentado na “aprehensión das artes plásticas como dispositivo de produción de relato”, é moi similar ao longo de todo o período analizado. “O que cambia son os relatos que se pretenden”, sostén o investigador, que conclúe que as artes plásticas amósanse como un “mecanismo de ampla produción simbólica” ao longo dos preto de 30 anos estudados.

De feito, os gobernos da UCD veñen marcados por unha política “baseada na aproximación e o achegamento a sectores, artistas e obras opostas ao réxime”, na busca dun relato de “reconciliación e esquecemento”. Esa “instrumentalización” terá como “grande estandarte” o retorno a España do Guernica de Picasso en 1981. O peso político e simbólico da recuperación da obra “non foi percibido na súa dimensión real até poder observar todos os acontecementos desde unha certa distancia e neutralidade”, sostén este investigador, que relata na súa tese o papel xogado tanto polo goberno como pola oposición para a recuperación do cadro.

A instauración deste modelo de “cultura tutelada e administrada polo Estado, xa esbozada no período final da UCD”, terá lugar ao longo da etapa de Felipe González, na que este modelo se vai asentando nun “proceso análogo” ao que se vive noutros países europeos. O seu desenvolvemento é destacado por Fandiño como un dos principais fitos dos 14 anos de gobernos do PSOE, que “a pesares das grandes palabras”, viñeron marcados nos seus inicios pola continuidade con respecto ás políticas iniciadas previamente. De feito, algún dos “grandes fitos” que se asocian co cambio que supuxo o PSOE, como os Premios Nacionales de Artes Plásticas ou a feira ARCO, “inícianse durante o goberno da UCD”, sinala.

O "buque insignia" desta etapa socialista será a creación do museo Reina Sofía, mentres que o Prado e a súa ampliación serano do goberno de José María Aznar. Unha etapa na que, “en liñas xerais obsérvase un claro continuísmo”, apunta este investigador, e na que o goberno traslada o foco das políticas culturais cara o ámbito patrimonial, co obxecto de facer deste unha “ferramenta retórica”, coa que recrear “unha idea de España como unidade”, cimentada “nas súas grandes xestas e personaxes históricos”. Fandiño destaca tamén a aposta do goberno do PP por facer das artes plásticas un “dispositivo ao servizo da diplomacia”, que se dá “con especial intensidade”, nunha etapa na que comeza a falarse da “marca España” e na que se busca, á hora de proxectar unha imaxe cara o exterior, “a autorización que a cultura proporciona como mecanismo útil na creación de imaxe”.

A reprodución dun “modelo canónico” nas autonomías

Aínda que Fandiño centrou a súa investigación nas políticas culturais desenvolvidas desde o Goberno central, a súa tese abrangue tamén a análise das exercidas polos diferentes executivos autonómicos, que, explica, supuxeron a repetición “a menor escala, pero cos mesmos mecanismos e estratexias de aproximación e instrumentalización dos modelos canónicos” estatais, aos que se engade unha vontade de construción dun “relato propio desde a reivindicación do autóctono e o diferencial”.

“O desenvolvemento é procesual, pero case idéntico. Baséase na posta en práctica dunha axenda que se repite e que se fundamenta de maneira xeral na creación de grandes estruturas antes que de usuarios para as mesmas”, conclúe Fandiño. Nese senso, incide na súa tese en como en diferentes partes do Estado, promoveuse a construción de grandes infraestruturas “baseadas nunha tipoloxía espectacular e banalizada, ao servizo dun modelo cada vez máis ligado á produción de imaxe turística”.