DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor e crítico Miguel Anxo Fernández vén de recibir un dos premios Cultura Galega 2012:

“Estamos en condición de liderar o ensino galego universitario en materia audiovisual”

Salienta que é unha distinción “compartida” con todos e todas que loitan por visibilizar o cinema ga

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 27/11/2012

Como non se considera un “Superman”, salienta que é un recoñecemento “claramente compartido”. O profesor e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández, acaba de ser galardoado pola Xunta de Galicia co Premio Cultura Galega 2012 na categoría de creación audiovisual polo seu labor a prol da promoción do cinema galego. “Aínda que soe a tópico, leveime unha sorpresa pois nunha tarefa de anos enredando na fronte da dinamización audiovisual nunca estás só”, sinala o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que considera “toda unha honra” ser un dos galardoados nesta edición, “pero acéptoo compartíndoo con todos cantos me acompañaron ao longo destes anos”.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego. Miguel Anxo Fernández ten contribuído a este propósito dende o ensaio e a crítica, pero tamén dende o cineclubismo dos anos 70 de O Carballiño e posteriormente coas Xociviga; coa Federación de Cine Clubs de Galicia; co programa Galicia no Cine da Televisión de Galicia, e máis recentemente co proxecto Audiovisual nas Aulas; co curso de verán da Universidade de Vigo celebrado anualmente en Celanova ou co vixente programa Augal, que ten lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que neste curso chega a súa terceira edición.

Para Miguel Anxo Fernández, este premio tamén axuda a facer máis visible o labor de todos e todas que loitan por un audiovisual propio, incluíndo tamén o esforzo e dedicación dos seus compañeiros e compañeiras de despacho da facultade pontevedresa. “Persoalmente síntome un privilexiado e moi a gusto impartindo docencia neste centro no que hai un óptimo nivel profesional, no que se forman promocións dunha cualificación incuestionable e, se os recortes e a crise non interfiren máis, que está en condicións de liderar o ensino galego universitario na súa especialidade”, reflexiona o profesor.

A motivación, clave

Profundo coñecedor do mercado audiovisual estatal e galego, o profesor e crítico de cine procura dar consellos atinados e reais aos futuros e futuras profesionais do sector que pasan polas súas aulas, sobre todo tenta animalos e estimulalos a superar as trabas do momento actual “xa que calquera estudante que estrs a escoitar falar de crise e de falta de saídas xa é unha sorte que estea motivado, pero noto que os meus non perden esa ilusión porque hai talento, ideas e ganas de facer cousas”. Para Miguel Anxo Fernández, Galicia goza dun excelente potencial audiovisual “e non podemos permitir que se frustre a xeración mellor formada da historia” e, dado que o sector está considerado como un eixe estratéxico da economía galega, o experto recomenda aos seus alumnos e alumnas que traballen en equipo, que cren pequenas unidades de produción para a mantenza diaria e para procurar recursos que lles permitan desenvolver os seus primeiros proxectos. “Os investimentos públicos deberían chegar con urxencia e coa xenerosidade suficiente para cortar e impedir a sangría de talento novo que se nos escorre fóra do país”, conclúe este profesor de cinema do campus pontevedrés.

Os outros premiados e premiadas

Ademais de Miguel Anxo Fernández, os outros gañadores da edición 2012 foron Salvador García Bodaño na categoría de Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade de Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na de Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galego en Promoción Cultural de Galicia e Manuel Rodeiro en Música. O xurado estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; Francisco Díaz Fierros, en nome do Consello da Cultura Galega; Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín Rei, en representación das universidades de Vigo e da Coruña, respectivamente e Ramón Yzquierdo Perrín, de parte da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como son o escritor Luís González Tosar, o artista plástico Antón Pulido, a cineasta e produtora Fernanda del Nido e o editor e escritor Henrique Alvarellos.