DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante Javier Carballo deseñou un prototipo de ergómetro que simula o adestramento nunha piragu

Como se estivese sorteando as ondas do mar, pero en terra

Nacido como proxecto de fin de grao, traballa para validalo como ferramenta de investigación e rende

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 11/01/2016

Campión de Europa de salvamento deportivo nas modalidades de sprint e bandeiras, o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Javier Carballo atopou nas súas propias dificultades para adestrar no mar, nos días de mal tempo, noutra das modalidades desta disciplina deportiva, a carreira con ski, o punto de partida do traballo que o levou a deseñar un prototipo de ergómetro co que reproducir en terra as condicións do adestramento que realiza a bordo dunha piragua. “A idea era ter un aparato que me permitise simular as sensacións que tes remando no mar”, sinala este alumno do prototipo que construíu para o seu traballo de fin de grao e ao que posteriormente foi engadindo novos sensores e elementos coa idea de que proporcione ao deportista máis información da que pode obter nos simuladores de remo habituais, ao tempo que continúa traballando no seu desenvolvemento coa idea de “validalo como unha ferramenta científica e de rendemento”.

Fronte aos ergómetros que habitualmente empregan os clubs de deportes náuticos, o prototipo no que traballa Carballo destaca polo baixo custe dos seus materiais, así como pola incorporación dunha serie de mecanismos e sensores que fan posible “que aínda que ao mellor a sensación non sexa exactamente a mesma que tes no mar, si que a musculatura coa que estás traballando é moi parecida á que utilizas na auga”. Non en van, o traballo de construción no que investiu “probablemente máis de mil horas” naceu do seu propio proceso de adestramento para a carreira con ski, do que destaca a axuda que lle prestou o profesor da facultade Óscar García, e que contribuíu a logros como o quinto posto obtido no último Campionato de Europa de Salvamento, disputado en setembro en Alacante, ou a medalla de bronce na última edición do Campionato de España. “Agora mesmo está orientado ao ski de salvamento deportivo, pero a idea é que con pequenas modificacións poida empregarse para calquera tipo de deporte acuático”, sinala Carballo dun prototipo ao que dotou dun carro oscilante e deslizante, que aproxima ao deportista ás sensacións que viviría sobre unha piragua no mar, así como de dúas aspas de resistencia que permiten coñecer a forza, velocidade e o espazo percorrido cos golpes de pa dados con cada brazo.

Un xeito de mellorar a comunicación co adestrador

Ademais do seu elevado custo, os simuladores de remo habituais non ofrecen “un feedback realmente interesante”, a xuízo de Carballo, que explica que “só che proporcionan información da forza que xeras coa pa”. E tendo en conta, ademais, que normalmente só contan cunha aspa de resistencia, “se xeras máis forza cun brazo que con outro, que é un problema bastante importante nestes deportes, ao final a cuantificación total de metros que che ofrece non vai ser suficiente para controlar as descompensacións”. De aí que a súa idea fose desenvolver un “aparato que che dea moita información”, motivo polo que ademais das dúas aspas de resistencia dotou ao seu invento dunha serie de sensores que lle permitan recoller na pantalla que ten instalada a máxima información posible do seu rendemento, así como dunha cámara, “que vai conectada vía wifi, para o que o propio deportista se vexa”.

Ademais de supor unha “alternativa accesible” para aqueles días nos que “saír a remar é un problema polas malas condicións do mar” e de proporcionar información do seu rendemento ao deportista, traballar en terra cun ergómetro como este permite tamén “ter ao adestrador ao teu carón, para que che vaia dicindo en todo momento aspectos a mellorar, que logo podes trasladar ao mar”, salienta Carballo. Adestrar en terra permite ao adestrador “visualizar mellor o que estás facendo ben ou mal”, fronte ás limitacións que supón estar no mar á hora de achegar un feedback ao deportista. “Obviamente, isto non elimina a fase acuática”, deixa claro neste senso este estudante, que incide non obstante no valor para a aprendizaxe que ten poder prepararse previamente “nun espazo no que estás concentrado e no que podes ter unha mellor comunicación co teu adestrador”.

Unha ferramenta para a investigación

Despois de que o deseño básico deste ergómetro se convertese no seu traballo de fin de grao, que realizou co profesor José Luis García Soidán como titor, a idea deste estudante “e continuar con el agora no máster, para validalo como unha ferramenta de medición fiable”, tanto da forza realizada coas pas como de aspectos técnicos vinculados á practica deportiva. Neste senso, Carballo explica que, “indo máis a longo prazo”, o seu interese como investigador céntrase nos procesos de aprendizaxe nun adestramento, “para os que precisaba unha ferramenta que medise a técnica”.

Nese senso, recoñece como “a plataforma óptima para seguir traballando con isto e coñecer como podo sacarlle máis partido” o máster interuniversitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, que desde o presente curso este centro do campus pontevedrés desenvolve conxuntamente coa Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña e no que as sesións formativas que se desenvolven nun centro séguense de xeito simultáneo no outro a través de videoconferencia. “Permíteme poder ver todas as ferramentas de investigación coas que podo contar para poder ir mellorando o meu deseño”, sinala Carballo dun posgrao para o que a facultade pontevedresa se dotou dunha nova sala de videoconferencias, ao tempo que incide en que, polo de agora, o prototipo que vén de rexistrar en Safe Creatives e ao que continúa engadindo melloras non ten máis finalidade que servirlle como ferramenta de traballo. “Ao mellor no futuro considero que está realmente acabado e comezo a ver que se pode facer con el”, sinala do proxecto que levou a cabo empregando software e hardware de código libre.