DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O globo Balloon Xat 001 foi recuperado tras mes e medio perdido no concello lugués da Paradela

Da estratosfera á aldea de Espiño: 50 días con medo á radioactividade

Os sete veciños deste núcleo rural decidiron non tocalo por medo a unha posible contaminación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/04/2013
A penas uns quilómetros separaban Escairón, o lugar estimado de aterraxe do globo estratosférico Balloon Xat 001, do seu destino final, un pouco máis ao norte, no concello lugués da Paradela. 50 días despois do seu lanzamento, o globo estratosférico regresou este luns ao campus vigués tras pasar estas semanas medio somerxido nunha charca dunha leira de Espiño, unha pequena aldea de sete habitantes, na parroquia de Remesar.

Para os veciños deste pequeno núcleo rural, a valixa converteuse en fonte de inquedanza, e creron mesmo que era radioactiva. Por iso decidiron manterse afastados dunha caixa da que tan só vían a imaxe dunha rá, logotipo de Frogspace, a spin-off posta en marcha por estudantes do Grupo de Enxeñaría Mecánica e Automoción (CIMA). A chegada a Espiño dende Barcelona de Jorge Fernández, fillo dun dos matrimonios que reside na aldea, alterou os acontecementos e evitou que o globo quedase finalmente esquecido e enterrado na lama. Unha vez nas súas mans, e vendo que se trataba dun experimento da Universidade de Vigo ao abeiro do proxecto FemtoXat, púxose en contacto cos investigadores a través do número de contacto impreso na caixa. Fernández, que traballa como xerente da empresa Corporalife, dedicada á comercialización de aparatoloxía médico-estética, achegouse este luns ao campus de Vigo para devolver o globo ao vicerreitor de Transferencia, José Antonio Vilán; ao profesor Fernando Aguado, ambos coordinadores do proxecto, e aos estudantes responsables do Balloon Xat 001.

Tres horas de imaxes

Coa recuperación da valixa recuperáronse tamén os datos dos experimentos e preto de tres horas de gravación da cámara de vídeo que levaba incorporada e nas que se poden ver dende o espazo algúns dos lugares máis representativos de Galicia como as Rías Baixas ou os Canóns do Sil. Dende 30.000 metros de altitude e a través das nubes, o Balloon Xat 001 recolleu espectaculares imaxes do planeta e do espazo, nas que se poden mesmo distinguir as estelas que os avións deixan no ceo, voando a 20.000 metros por debaixo do globo estratosférico. As primeiras imaxes, a medida que o globo collía altura, amosan o campus universitario. A medida que aumentan os metros a cámara recolle impresionantes vistas de Vigo, das rías do sur de Galicia e, unha vez xira ao este, dos canóns do Sil ou o embalse de Belesar ata que case tres horas despois do lanzamento, o globo de helio estourou soltando a valixa suxeita a un paracaídas que comezou un descenso que rematou en Espiño. No interior desta ‘caixa negra’ de 800 gramos ía un sistema de medición e almacenamento dos valores de temperatura e do campo magnético terrestre; a cámara de vídeo encargada de filmar en continuo dende o momento do lanzamento ata a recollida; un sistema de localización GPS e unha batería de ion-litio para posible uso en satélites. Cos datos recollidos os investigadores poderán analizar aceleracións, velocidades angulares e comprobar se os modelos teóricos de gravidade se corresponden coa realidade e vai diminuíndo a medida que ascende o globo.

Un proxecto a longo prazo

Gabriel García, Miguel López, Pablo Yáñez e Jacob López, os integrantes do equipo responsable deste globo, están xa preparando o lanzamento dun segundo experimento. Esta serie de globos son un proxecto pioneiro que permitirán testar compoñentes e sistemas dos novos picosatélites como o FemtoXat, entre eles comprobarase o comportamento das baterías, o sistema de despregue de antenas, de paneis solares, da electrónica, etc. “Permítenos ensaiar en condicións similares ás que se poden atopar os satélites comerciais, pero a un custe menor ao que supón enviar directamente o aparello ao espazo”, explica José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e director do grupo. O lanzamento do Balloon Xat 001 é o máis sinxelo, xa que nos próximos globos irán facéndose probas de hardware dentro do proxecto FemtoXat, co que se vai desenvolver un dos satélites máis lixeiros do mundo, con apenas 250 gramos.

O Grupo CIMA leva máis de nove meses traballando nesta serie de cinco lanzamentos que permitirán testar practicamente o FemtoXat ao completo, ensaiando a baixo custo o comportamento de compoñentes e subsistemas de alta tecnoloxía.

Enlace ao vídeo en alta calidade