DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Liga Estudantil Galega organiza as I Xornadas de Feminismo que se prolongan ata mañá xoves

O estudantado denuncia a existencia dunha ideoloxía patriarcal disfrazada de austeridade

Ao longo de dous días debaterase a situación da muller na cultura, na arte, no asociacionismo ou na

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 25/04/2012
“A conquista dos dereitos non é para sempre, hai que seguir loitando por conservar algunhas metas acadadas no pasado e non dar un paso atrás”. Así se expresaba a directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, na apertura dasXornadas de Feminismo organizadas pola Liga Estudantil Galega que, ao longo de dous días, serán unha palestra de debate e reflexión sobre a situación da muller nos diversos sectores da sociedade, dende a música e a literatura, ata o asociacionismo, a educación ou a cooperación ao desenvolvemento.

A responsable a asociación, Beatriz Fariñas, explicaba que neste tempo estanse a dar certos retrocesos no camiño da consecución da igualdade real de homes e mulleres, “con exemplos claros como a posible modificación da Lei do Aborto ou a Lei da Familia”. Neste sentido, a directora da Unidade de Igualdade apuntaba que estamos ante “ideoloxía disfrazada de austeridade que se reflicte por exemplo no desmantelamento do Instituto de la Mujer en Madrid, un reflexo das prioridades dos políticos sobre igualdade”. Para Fariñas, as ideoloxías dos gobernos están detrás de moitos destes recortes e medidas que buscan, entre outras cousas, “decidir sobre os nosos corpos”. A representante estudantil demandou o compromiso de toda a sociedade e en especial dos mozos e mozas, porque “os nosos dereitos non nos foron regalados e temos que defendelos e esixilos a ferro e lume”. Nisto incidiu Anabel G. Penín, porque a igualdade non só ten que ser de lei, debe ser real, porque un país non pode ser realmente competitivo se desbota o talento do 50% da súa poboación”.

As mulleres ‘implicadas’

O primeiro dos relatorios da xornada correu a cargo de Blanca Rodríguez, da ONG Implicadas no Desenvolvemento. O nome desta asociación resume moito do explicado pola súa representante: por unha banda, un nome en feminino porque son maioría nas súas filas, cun 90% de mulleres e, por outra banda, porque están implicadas no enfoque de xénero no desenvolvemento de comunidades e colectivos tanto “do noso norte, como dos países máis desfavorecidos”. Rodríguez amosou ao asistentes tanto os principios sobre os que se asenta Implicadas no Desenvolvemento como as accións que levan a cabo, tanto en Galicia como en países como India ou Etiopía. Dende hai 13 anos veñen desenvolvendo un labor cooperativo que non xere dependencia, que non se converta nun neocolonialismo, senón traballando con parceiros nos países obxectivo, con persoal sempre local, fomentando a apoiando a educación e a calidade de vida, pero “nunca construíndo hospitais e escolas, ese é labor dos gobernos, non das ONGs, o que nós buscamos é favorecer un desenvolvemento autóxeno”.

En calquera dos programas desta ONG a perspectiva de xénero está sempre presenta, porque as problemáticas que se atopan non afectan do mesmo xeito a homes e a mulleres, polo que as actuacións deben ser tamén diferenciadas, “doutro xeito perpetuaríase a desigualdade”. Ilustraba esta complicada situación referíndose aos programas que nas décadas de 1970 e 1980 se centraron en introducir ás mulleres destes países no mercado laboral, buscando paliar a dependencia dos maridos. O resultado rematou sendo o contrario do buscado, ao traballo no fogar uniuse o traballo fóra, en condicións precarias tanto laboral como salarialmente, “xerando o que denominamos supermulleres” e o fallo estivo “en non ter traballado cos homes, en non tentar cambiar mentalidades e eliminar os patróns de xénero”. Con todo, Blanco Rodríguez puntualizou que nos países desenvolvidos “tampouco podemos dar moitas leccións, aínda nos queda moito antes de poder dicir que acadamos a igualdade real, porque no fondo “todos somo machistas, en maior ou menor medida, consciente ou inconscientemente” e, mentres non se destrúan esas estruturas patriarcais “o feminismo seguirá sendo necesario”.

Creando conciencia

O obxectivo destas xornada é crear conciencia das desigualdades e propoñer medidas e accións, por iso ao longo de dous dúas debaterase sobre o papel da muller na literatura, sobre o pensamento feminista, a situación laboral das mulleres en Galicia, a loita pola igualdade, o patriarcado no mundo cultural galego e a presenza feminina no audiovisual e na música.