DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celébrase a fase local da Olimpíada de Física

Estudantes de 2º de Bacharelato poñen a proba os seus coñecementos de Física

Nas facultades de Ciencias de Vigo e Ourense

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/02/2008
Tres estudantes de 2º de Bacharelato LOGSE serán elixidos, este venres, nas probas da fase local da olimpíada de Física que se celebrarán nas facultades de Ciencias do Mar de Vigo e Ciencias de Ourense, para participar na fase nacional que terá lugar en Oviedo o vindeiro mes de abril. Os cinco primeiros clasificados na XIX Olimpíada Nacional integrarán a delegación que participará na 39ª Olimpíada Internacional de Física que se celebrará en Hanoi, Vietnam, en xullo, mentres que os alumnos clasificados na fase nacional entre os 6º e 9º posto integrarán a delegación española que participará na XIII Olimpíada Iberoamericana que terá lugar en setembro en México.
Arredor de 30 alumnos, prevé a organización que participen na fase local que se celebrará o vindeiro venres nos campus de Vigo e Ourense. E é que como recoñece o catedrático de Física e responsable da organización da fase local na Universidade de Vigo, José Luis Legido “ a Física pola súa dificultade fai que os alumnos se retraian máis á hora de participar nunha olimpíada. Algo que non ocorre tanto no caso de outras materias como química ou matemáticas”.
Os estudantes de 2º de bacharelato LOGSE que concorran á fase local da olimpíada que se celebrará o vindeiro venres nas tres universidades galegas, competirán co temario propio do seu nivel académico, enfrontándose a idéntica proba en todos os casos.
“Trátase”, segundo Legido “dunha boa oportunidade para que os estudantes atopen aplicacións prácticas da Física que están a aprender, ao tempo que poñen a proba os seus coñecementos e caso de pasar a outra fase poden convivir con estudantes doutros lugares”.
Ademais os tres alumnos seleccionados de cada universidade recibirán do Ministerio de Educación premios en metálico de 380 euros par ao 1º clasificado, 285 para o 2º e 220 para o terceiro.

Superada a maioría de idade

Organizadas pola Real Sociedad Española de Física, as olímpiadas nacionais celébranse desde 1989. Sen embargo estas competicións de carácter intelectual contan cunha longa tradición en países como Estados Unidos, Reino Unido ou Francia, mentres que no caso doutros, como confirma José Luis Legido “ incluso hai unha preparación específica dos alumnos para participar nelas. É o caso de China, Cuba ou Corea, onde os gañadores das olimpíadas teñen un gran recoñecemento social”.
No ano 2004 na súa decimoquinta edición, a Olimpíada Nacional celebrouse no campus de Vigo onde se deron cita representantes dunhas 40 universidades españolas. Seis anos antes a olimpíada celebrárase en Ourense.