DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Álvaro López Mira visitou co seu alumnado o Parlamento Galego e o Valedor do Pobo

Estudantes do campus expoñen as súas inquedanzas aos voceiros dos grupos parlamentarios

Nesta xornada, os mozos e mozas coñeceron de primeira man o que están a estudar na clase

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 30/03/2012

Coñecer de primeira man o que describe a teoría. Con este obxectivo, un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación abandonou por un día as aulas do campus para visitar, da man do profesor Álvaro López Mira, o Parlamento Galego e o Valedor do Pobo “co fin de que os estudantes entren en contacto directo coas institucións reais das que estamos a falar nas clases para albiscar na práctica os contidos teóricos explicados”, sinala o docente. Recibidos por unha asesora do Valedor do Pobo e posteriormente polos voceiros dos tres grupos parlamentarios, os estudantes aproveitaron a visita para compartir as súas inquedanzas cos altos representantes da cidadanía galega.

O profesor López Mira organiza esta actividade dende hai seis anos “pero sempre se acaba aprendendo algo novo grazas ás preguntas dos estudantes", sinala López Mira. En primeiro termo, os alumnos e alumnas do campus coñeceron a institución da man de Beatriz González, asesora do valedor, que lles amosou as instalacións e lles explicou as funcións do organismo “que en tempos de crise adquire unha maior relevancia social na defensa dos dereitos dos cidadáns”. Tras esta visita, os voceiros das tres forzas políticas de Galicia, Pedro Puy do PP, Abel Losada do PSdeG-PSOE e Ana Pontón do BNG déronlle a benvida aos universitarios e universitarias e salientaron a importancia deste tipo de xornadas “de portas abertas” que lles permiten achegarse á cidadanía para coñecer de primeira man as problemáticas reais.

Intercambio de opinións

Esta xornada non foi soamente unha “visita guiada” polas principais institucións políticas de Galicia, senón “que se converteu nunha actividade moi completa e didáctica na que o alumnado tivo a oportunidade de expoñer as súas principais inquedanzas e preocupacións”, aclara o docente. Así, estudantes de último curso da Licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas manifestaron ante a asesora do Valedor do Pobo o seu desacougo pola imposibilidade de acceder directamente aos segundos ciclos dos plans de estudo dos graos de Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, “ademais de interesarse pola estrutura dos gabinetes de comunicación do Parlamento e dos grupos parlamentarios”, engade López Mira. Pola súa banda, o alumnado de Dirección e Xestión Pública interesouse máis por temas “de carácter social e político” e debateu cos representantes do PP, PSOE e BNG cuestións como o nivel de representatividade da clase política ou a defensa dos dereitos da cidadanía.

Tanto o profesorado como o alumnado valoraron moi positivamente a xornada e destacaron por riba de todo o achegamento e a sinceridade dos voceiros parlamentarios, “algo que nestes momentos é de agradecer”. Así mesmo, o profesor López Mira tamén salienta que este tipo de visitas aos corpos institucionais da comunidade “impulsan a imaxe e visibilizan as titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra”.