DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada promovida pola Fundación Arume e centrada na marca ‘Pino de Galicia’

Estudantes de Deseño e Enxeñaría Forestal achéganse ás múltiples aplicacións da madeira de piñeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/10/2023

Desde o uso de materiais derivados da madeira nos procesos de produción téxtil ás súas posibilidades no deseño de múltiples produtos, as diferentes aplicacións da madeira de piñeiro foron este martes o eixe central dunha xornada na Facultade de Deseño. Promovida pola Fundación Arume, coa colaboración da Escola de Enxeñaría Forestal e co financiamento da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), tratouse dunha xornada técnica, aberta ao alumnado destes dous centros do campus pontevedrés e centrada na marca Pino de Galicia. Presentada polo director da EE Forestal, Juan Picos, abriuse cun relatorio do secretario desta marca de garantía, David Lorenzo, quen afondou nos diferentes usos dos produtos derivados da madeira, pondo o foco naqueles máis relacionados co deseño. A xornada completouse así mesmo cun obradoiro no que o estudantado puido coñecer de primeira man as múltiples aplicacións de diferentes produtos derivados da madeira. 

“Parecíanos que podería ser interesante para o alumnado que visen todas as posibilidades da madeira, tanto para a xente que fai deseño de moda, como para os que fan deseño gráfico ou de embalaxes”, salientou o decano comisario, Marcos Dopico, dunha iniciativa que a Fundación Arume promovera o ano pasado coa EE Forestal no edificio Redeiras da UVigo. Desta volta, como sinalou Picos, optouse por poñer o foco en que os futuros e futuras profesionais “que o día do mañá poden optar por usala poidan coñecer que se pode facer coa madeira que se produce en Galicia”, á vez que se buscou tamén xerar “sinerxías entre a escola e a Facultade de Deseño”.