DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Visitaron o Parlamento Galego e a sé do Valedor do Pobo

Estudantes de Dirección e Xestión Pública familiarízanse coas institucións galegas

Intercambiaron opinións cos deputados Pedro Puy, José Luis Méndez Romeu e Cosme Pombo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 22/03/2013

Que mellor experiencia práctica que visitar in situ aos protagonistas do poder lexislativo estudado nos manuais? Ese é precisamente o principal obxectivo do percorrido realizado por dúas institucións autonómicas polos alumnos e alumnas da materia Sistema político español e galego que se cursa no primeiro ano do Grao en Dirección e Xestión Pública.

Acompañados polo docente da materia, o profesor de Ciencia Política e da Administración Álvaro Xosé López Mira, os futuros graduados iniciaron a súa visita na sé do Valedor do Pobo, onde foron recibidos pola asesora deste organismo e tamén profesora da Universidade de Vigo Beatriz González Moreno, quen lles explicou aos asistentes as principais misións encomendadas a este organismo, alto comisionado do Parlamento de Galicia e defensor dos dereitos dos cidadáns para o que ten capacidade de supervisar a actividade das administracións públicas galegas. Resolve unhas tres mil queixas anuais e emite un informe anual perante o Parlamento; a profesora González Moreno adiantou que o que se vai presentar proximamente ten un contido altamente crítico.

Coñer de preto o funcionamento da Cámára

Unha vez finalizada esta exposición, os estudantes dirixíronse ao máximo órgano representativo da cidadanía galega, o Parlamento de Galicia, onde procederon a percorrer as súas dependencias, con diversas charlas informativas sobre o funcionamento da Cámara, os órganos internos da mesma que axilizan o traballo parlamentario e a singular posición que ocupa dentro dos poderes da Comunidade Autónoma o Parlamento galego, explicitando a súa diversidade de tarefas e efectuando unha mirada histórica desde a súa posta en marcha no ano 1981, en plena transición cara á normalización democrática.

No salón de plenos do Pazo do Hórreo os deputados do PP, Pedro Puy, do PSdeG-PSOE, José Luis Méndez Romeu e do BNG, Cosme Pombo, responderon ás preguntas dos estudantes sobre distintos temas como as preferentes ou a desafección coa clase política por parte da cidadanía e os problemas que isto pode ocasionar no sistema democrático.

Modelo territorial galego vs federalismo brasileiro

Dous estudantes brasileiros de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de São Paulo que están cursando estudos do Grao este semestre asistiron interesados a esta práctica de campo que lles serviu para comparar o modelo territorial galego co federalismo existente no Brasil. Como xa informou no seu día o DUVI ambas Universidades están negociando a posibilidade de implantar unha dobre titulación de Dirección e Xestión Pública que tería validez oficial nos dous países, sendo estes tres estudantes os primeiros embaixadores nesta nova vía de internacionalización da Universidade de Vigo coa máis importante universidade de Latinoamérica.