DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita forma parte das actividades organizadas pola Cátedra Bancaja

Estudantes de Empresariais coñecen de primeira man o modelo de xestión de Inditex

Os visitantes comprobaron o proceso de mellora levado adiante nesta empresa líder do sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 11/01/2010

Un grupo de estudantes e profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo visitaron esta fin de semana as instalacións do grupo Inditex, en Arteixo. A iniciativa permitiulles aos visitantes coñecer in situ o característico modelo de negocio dun gran grupo empresarial cuxo caso é analizado teóricamente en importantes escolas e universidades de todo o mundo. A visita forma parte das Actividades de Formación para o Emprendemento, unha iniciativa posta en marcha pola Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo co obxectivo de proporcionarlles aos estudantes as ferramentas necesarias para xestionar unha nova empresa.
Ana Gueimonde, directora da Cátedra Bancaja, explica que nesta visita "os alumnos puideron observar como se desenvolve o singular modelo de xestión de Inditex”. En Arteixo atópanse as oficinas centrais do grupo e as sedes de Zara Home, Uterqüe e Zara. A visita comezou pola área de deseño e patronaxe, que ocupa un enorme e amplo espazo sen apenas divisións e onde traballan varios centos de persoas. Alí, en colaboración, traballa persoal moi novo e con diferentes especializacións, dende deseñadores e comerciais ata os chamados country managers. Segundo explica Ana Gueimonde, “os visitantes da Cátedra Bancaja comentaron que a importancia desta área dentro da empresa, a distribución do espazo, os métodos de traballo e a heteroxeneidade -e mesmo a idade- do persoal constitúen unha mostra palpable dunha estrutura flexible e unha forte orientación ao cliente do grupo empresarial”.

A importancia das tendas no modelo Inditex

Os visitantes da Cátedra Bancaja tamén puideron comprobar a centralidade que, dentro do modelo de negocio, xogan as tendas. Nas palabras de Ana Gueimonde, “as tres empresas sediadas en Arteixo -Zara, Zara Home e Uterqüe- teñen alí as súas respectivas tendas piloto, onde a modo de laboratorio se experimenta con todos os elementos que constitúen unha tenda como os expositores, os escaparates, o mobiliario, a luz, e a música ambiental, entre outros. Para os alumnos da Cátedra Bancaja resultou moi engrazado coñecer de antemán como serán os escaparates da próxima tempada de primavera”, declara.
Fóra do edificio central, a visita continuou pola fábrica integrada que alí se atopa para coñecer o proceso de corte e acabado e o centro loxístico dende onde se realiza a distribución ás tendas. A directora da Cátedra Bancaja explica que, neste apartado, “o grupo da Universidade de Vigo atopouse cun espazo altamente tecnificado e robotizado, visibilizando o que se consideran outros piares do modelo Inditex: a elevada integración vertical, a axilidade e a rapidez coa que as pezas de roupa son enviadas ás tendas”.
Inditex é un grupo en constante crecemento. As últimas cifras revelan un volume de negocio de máis de dez mil millóns de euros, 89.112 traballadores e 4.264 tendas repartidas arredor do mundo en oito formatos comerciais diferentes: Zara, Pull and Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home e Uterqüe. O Grupo Inditex reúne, así mesmo, a máis dun cento de sociedades vinculadas coas diferentes actividades que conforman o negocio do deseño, a fabricación e a distribución téxtil.

 Bos exemplos para xestionar novos modelos de negocio

O programa de Actividades de Formación para o Emprendemento posto en marcha pola Cátedra Bancaja para este curso académico comezou o seu desenvolvemento no mes de novembro cun seminario sobre Cómo xestionar estratexias empresariais na época dos social media impartido por Andrés Mazaira, profesor da área de Márketing da Universidade. A iniciativa persegue un dobre obxectivo: por unha banda, proporcionarlles aos estudantes o coñecemento necesario para xestionar novos modelos de negocio. Pola outra, e nas palabras de Ana Gueimonde, “queremos que os estudantes coñezan de primeira man empresas que son referencia polas súas boas prácticas e que levan adiante iniciativas novidosas”. Nesta segunda finalidade enmárcase a visita que tivo lugar esta fin de semana a Inditex. A próxima visita programada está prevista para o día 20 de xaneiro e será ao grupo Cuevas, “unha compañía que se move no sector da distribución de produtos alimenticios e que é capaz de innovar neste sector tan tradicional”, segundo Ana Gueimonde. A última destas actividades de formación para o emprendemento será un encontro entre emprendedores, administracións e empresarios que se celebrará o vindeiro día 11 de febreiro.