DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo achéganse os segredos da mecánica de fluídos

Estudantes de Enxeñaría Biomédica axudan a nenas e nenos ingresados no Álvaro Cunqueiro a "aprender xogando"

Os primeiros grupos comezaron xa realizar experimentos que os axudan a saír da rutina médica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 17/10/2023

Globos, xiringas, Maizena, CDs, botellas de auga.... calquera destes materiais pode servir para realizar experimentos e para facer que os máis cativos se acheguen á ciencia. Este é o punto de partida da iniciativa Aprender xogando nun hospital, un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) que implica a estudantes de Enxeñaría Biomédica e aos nenos e nenas ingresados no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Entres risas e moita curiosidade, esta iniciativa que se vén desenvolvendo nos últimos cursos, arrancou onte luns pola tarde unha nova edición. Á fronte deste proxecto está Eduardo Suárez, profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, que explica que a finalidade é, por unha banda, que o alumnado de 3º curso do Grao en Enxeñaría Biomédica poña en práctica os coñecementos relacionados coa Mecánica de Fluídos e desenvolva habilidades e actitudes mediante un servizo á comunidade e, por outra, achegar entretemento, diversión e coñecemento aos pacientes de pediatría ingresados no hospital vigués. Ao tempo que adquiren coñecemento, este tipo de actividades tamén lles a estes cativos para distraerse das rutinas médicas, reducir a ansiedade e mellorar o seu estado de ánimo. 

Ademais, ao tratarse dun proxecto de aprendizaxe-servizo ten as características dun voluntariado, pero constitúe unha metodoloxía de ensino que se encadra dentro dunha materia e o alumnado universitario é avaliado. Polo tanto, representa un reto para os estudantes implicados, que deben adaptar os contidos á idade do seu público e deseñar, construír e probar os dispositivos e experimentos en base aos coñecementos técnicos, pero apoiándose noutras competencias como a comunicación, o traballo en equipo ou a toma de decisións. 

De imaxes conxeladas a elevadores hidráulicos

Este luns participaron no proxecto os tres primeiros grupos, dun total de 14 que se inscribiron ata o momento e estiveron acompañados na realización dos experimentos por nove alumnos e alumnas universitarios e polos profesores implicados neste proxecto, todos eles investigadores do Cintecx, entre eles a directora do centro, Concepción Paz.  

O primeiro dos grupos realizou tres probas. A primeira permitiulles coñecer, axudados dunha xiringa con aire e outra con auga, as diferenzas fundamentais entre un fluído compresible e un incompresible. Na segunda empregaron globos para visualizar un chorro de auga de forma laminar, de maneira que parece unha imaxe conxelada na que non se aprecia o movemento do fluído ao non mesturarse en modo algún as liñas de corrente. O terceiro consistiu en crear un aerodeslizador caseiro con CDs e globos cheos de aire que puideron probar sobre as diferentes superficies dispoñibles na aula.

O segundo grupo, pola súa banda, construíu, empregando un par de xiringas de auga, un elevador hidráulico co que elevaron unha plataforma de madeira sobre a que un repousaba un pequeno moneco de Wall-e. Esta foi, como indica o profesor Porto, “unha das actividades que máis gustou entre todos os participantes”, que tamén fixeron unha carreira de pelotas para  introducir conceptos asociados á viscosidade dun fluído. “Ao estar recheas de diferentes substancias, como mel, auga ou aceite, puideron comprobar cales descendían máis rápido nun plano inclinado”.

Finalmente, o terceiro grupo tamén realizou dous experimentos. O primeiro consistiu en crear unha fonte de auga cunha botella e unhas palliñas, observando como a presión interna dun globo de aire inflado serve de sistema de propulsión. O segundo experimento, que foi outro dos que “lles resultou máis divertido e tamén máis sucio”, centrouse en mesturar auga con Maizena ata conseguir unhas propiedades que converten esta mestura nun fluído non-newtoniano que se comporta como un sólido ante esforzos elevados e como un fluído cando se lle exercen forzas pequenas, explica o docente.

Agora, quedan moi diante outras moitas tardes de ciencia entretida e divertida para os nenos e nenas inscritas, que terán a oportunidade de realizar estes e outros experimentos por grupos os días 16 e 30 de outubro e os días 6 e 20 de novembro, aínda que existe a posibilidade de estender o proxecto durante máis semanas en función do número de alumnado que participe.