DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou este mércores a segunda edición desta inicia

Estudantes lusos e ourensáns comparten experiencias en turismo nunha Joint Class

O profesor Valerià Paül foi o encargado de ofrecerlles unha visión do sector en España

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/11/2011
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Instituto Politécnico do Cávado e do Ave, de Barcelos-Portugal, teñen en común que forman a futuros profesionais que a unha e a outra beira do Miño traballarán no desenvolvemento do sector turístico. Para que o seu alumnado intercambie experiencias e coñecementos, o centro ourensán celebrou este mércores a II Joint Class. Nela, 35 estudantes lusos, acompañados por docentes, se achegaron ata o campus ourensán para coñecer en persoa a facultade, os seus estudos en Turismo e futuros colegas de profesión.

Segundo explicou Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, esta é a segunda edición da Joint Class que organiza o seu centro, xa que a iniciativa naceu o ano pasado coa participación dun grupo de estudantes da universidade de Alemaña Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes. Nesta ocasión, e pola súa proximidade xeográfica e cultural, dous factores decisivos no sector do turismo, o centro convidado que se escolleu para participar foi o de Barcelos.

Un ano histórico para o turismo en España pero non en Galicia

Para comezar a sesión, o profesor da Universidade de Vigo Valerià Paül foi o encargado de ofrecerlle aos asistentes unha panorámica da evolución histórica do turismo en España, das súas características estruturais e da súa situación actual. Entre outras cuestións, Valerià Paül explicou aos estudantes que este ano se agarda que España teña unha das mellores cifras de turismo da súa historia, debido en boa parte a que absorbeu a cota de visitantes que non puido viaxar os países árabes debido aos conflitos que tivo recentemente esta zona.

Neste contexto, o docente chamou a atención sobre o feito de que Galicia non se beneficiará deste incremento, agardándose uns resultados turísticos baixos para esta comunidade autónoma. Esta situación evidencia, na súa opinión, “que non podemos ir a golpe de Ano Xacobeo, que non podemos depender só deste tema”. “Estamos dándolle demasiado protagonismo a produtos turísticos xa moi vistos”, advertiu Valerià Paül, que en troques salientou o potencial en turismo natural e cultural aínda por explotar que ten Galicia.

Rematada a Joint Class na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, os estudantes lusos, como corresponde ás súas inquedanzas profesionais, aproveitaron a visita a Ourense para realizar unha visita turística ao seu casco antigo e ver en persoa como esta cidade se presenta ás persoas que a visitan.