DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Agrupados na Sociedade Mineralóxica Galega

Estudantes de Minas catalogan unha das coleccións de minerais máis importante de Galicia

Por primeira vez convocan un certame de fotografía mineira

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 14/03/2008

Levan catalogados máis de cincocentos minerais, pero é só unha pequena parte do enorme labor que teñen por diante. Son un grupo de estudantes da ETS de Enxeñaría de Minas que, organizados na Sociedade Mineralóxica Galega, están a catalogar a que denominan “unha das coleccións de minerais máis importantes de Galicia”.
“O 70% son pezas que fomos recollendo nas nosas saídas, desde que se creou a sociedade no ano 1997. Despois hai que engadirlle as doazóns de socios, coleccionistas privados e de institucións como o Centro Tecnolóxico do Granito”, explica Diego Casal, secretario da organización.
“Hai pezas de todo tipo, torbernita, granate, ortosa... pero en todas destaca a enorme calidade dos materias”, continúa. “No recibidor da escola temos colocadas vitrinas onde imos colocando todo o material para que o poida visitar calquera interesado”.
A día de hoxe a asociación agrupa hoxe máis de 70 socios, maioritariamente estudantes da escola , pero está aberta a todos os interesados no mundo dos minerais, a xeoloxía e a minería en xeral. O principal obxectivo é coordinar e promover actividades de interese para a formación de mineraloxistas e afeccionados e fomentar o coleccionismo, servindo como centro de información e difusión entre os interesados.

A sociedade organiza frecuentes excursións

Dentro do programa de excursións organizadas pola sociedade, este xoves visitaron a factoría de Sargadelos no concello lugués de Cervo. “Fomos un grupo de vinte. Comezamos visitando a factoría e, xa pola tarde, visitamos a explotación de caolín, onde puidemos ver todo o proceso extractivo”, comentaba Casal, que tamén destacaba o interese da viaxe, “sobre todo para os estudantes da especialidade de Materiais, pois na factoría puideron comprobar todo o proceso, desde a entrada do caolín ata o produto final que pode adquirir o consumidor”.
A próxima visita que teñen organizada está prevista para finais de mes e será as canteiras de Porriño. Xa no mes de abril farán unha viaxe máis longa que incluirá Córdoba, Salamanca e Portugal.

Certame de fotografía mineira

Baixo o nome Mundo Minero 2008, a sociedade, en colaboración coa ETSE de Minas, convocou un certame de fotografía mineira. “Un tema que, en principio, pode parecer moi concreto pero que acolle multitude de ámbitos, desde minerais, maquinaria, patrimonio ata obra civil ou mesmo enerxías renovables”, aclaraba Casal.
O certame nace con tres premios, un primeiro dotado con 400 euros, un segundo de 200 e un terceiro de 100 euros. A convocatoria está xa aberta e poden enviarse imaxes ata o vindeiro 2 de xuño.

Exposicións

Outra das actividades nas que está inmersa a sociedade é a organización dunha exposición sobre Minería Metálica Antiga en Galicia. “Vai espertar moito interese, pois é a primeira vez que se reúne unha enorme cantidade de material inédito sobre este tema e agardamos tela rematada para finais de ano”, explicaba o secretario.