DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un sistema de aluguer gratuíto do Concello de Ourense

Estudantes, profesores e traballadores elixen as bicicletas para acudir ao Campus

O alumno de Historia, Daniel del Río, e o PAS, Nica Palomares, danos a súa opinión

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
María Boullosa DUVI 08/10/2007

Evitar o tráfico, queimar calorías, contribuír á protección do medio natural e aforrar custes son algunhas das vantaxes coas que chegou ao campus o servizo de préstamo de bicicletas “Ourense, roda limpo”, organizado polo Concello en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia, INEGA.
Instalado en cinco puntos da cidade, un deles ao lado do Edificio Politécnico, e cun total de 100 bicicletas, o sistema permite a calquera cidadán ou turista alugar unha delas de xeito gratuíto para dar unha volta, acudir ao traballo ou simplemente por darlle un pouco de movemento ás pernas.
Dende o punto de vista dos usuarios da Universidade, a maioría coincide en afirmar que é unha medida axeitada. Dous exemplos son as testemuñas de Daniel del Río, estudante de quinto de Historia; e Nica Palomares, membro do PAS.
Para Daniel, é unha iniciativa idónea, xa que, ata hai unha semana, acudía andando ás clases todos os días dende a zona vella. “Creo que é o mellor sistema para moverse pola cidade e máis no meu caso, que non tiña cartos para mercar unha propia”.
Pola súa banda, Nica adoitaba utilizar o seu automóbil, mais tan pronto abriron o punto de entrega no campus, non dubidou en mudarse ás dúas rodas sen motor. “Ten moitas vantaxes. En primeiro lugar, porque fas un pouco de exercicio; en segundo, polo tema medioambiental; e logo, porque evitas o tráfico da cidade”, afirmou.

Funcionamento

Polo momento, as cifras que se barallan no Concello demostran que a iniciativa está tendo unha acollida excepcional, concretamente, 700 préstamos dende que foi inaugurado hai dúas semanas. Con todo, á hora de valorar a eficacia do servizo, os criterios dos usuarios vense contrariados.
Na opinión de Daniel, funciona adecuadamente. “O único é que podían ampliar os puntos de entrega e recollida, e os horarios, xa que ata marzo o límite de uso é ata as 19:00 horas”. En cambio, Nica, baseándose na súa experiencia e na dos seus compañeiros, opina que o método de aluguer conta con bastantes deficiencias.
“Eu, por exemplo, tiven problemas a semana pasada porque non me recoñeceu que deixara a bicicleta e recibín unha sanción. Na miña a opinión tiña que haber algún sistema informático que che dea a garantía de que queda devolta”.
Outra das peticións que se recollen na cidadanía e nos medios de comunicación da provincia, é a necesidade dun “carril bici”, aspecto sinalado tamén por Nica:” É un gran problema porque a cidade non está preparada para andar en bicicleta, de feito moitos coñecidos non o utilizan porque parécelles moi perigoso”.

Normas de uso

Para acceder a este servizo o único que hai que facer é acudir a Concellería de Medio Ambiente, á Oficina Municipal de Turismo, ou ao Pabillón dos Remedios. Unha vez alí, tras presentar o DNI, o carné ou o pasaporte, os solicitantes reciben unha tarxeta electrónica gratuíta coa que xa poden acceder aos puntos de entrega: de 9:00 a 19:00 horas, dende outubro a marzo; e de 9:00 a 21:00 horas, dende abril a setembro.
E todo sen aboar nin un céntimo, alomenos ata o 2008, e a partir de aí dous euros por ano.
En canto ás normas de utilización, as bases indican que os usuarios só poderán alugar as bicicletas durante períodos máximos de 5 horas. Pasado ese tempo, poden collelas de novo 30 minutos despois da finalización do último préstamo.
En caso de perda, o primeiro que hai que facer é tramitar a denuncia na Policía e presentar unha copia no Concello, xa que de non presentala o usuario terá baixa definitiva no servizo, ademais de abonar 300 € pola bicicleta.
Por último, para máis información a organización recomenda visitar a páxina http://www.bicis.ourense.es/, onde se indican os puntos de entrega, as normas e os teléfonos de contacto.