DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase este sábado nas prazas da Ferraría e da Peregrina

Estudantes de Publicidade e RRPP reunirán 22 comercios locais na feira 'Comercio km 0'

O evento constitúe o seu traballo de fin de grao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/05/2021

Incrementar a visibilidade e notoriedade do pequeno comercio de Pontevedra é o obxectivo que levou a dúas estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Marta Lado e Sibila Leis, a impulsar Comercio km 0, un evento que este sábado reunirá, nas prazas da Ferraría e da Peregrina, 22 establecementos da localidade. Entre as 12.00 e as 21.00 horas, esta serie de comercios poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos nos postos que se instalarán nestas dúas prazas, no marco dun evento que constitúe o traballo de fin de grao destas dúas alumnas de Publicidade e Relacións Públicas e que levan a cabo coa colaboración da Vicerreitoría do campus, a Concellaría de Promoción Económica e da Asociación da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe).

“Quixemos centrar o noso TFG neste proxecto porque démonos conta de que, sobre todo a raíz da crise do coronavirus, a xente acostumouse a comprar por internet e nin saben o que hai nos baixos da súa cidade”, salientan Lado e Leis, que buscaron co seu traballo, no que teñen como titor ao profesor Daniel Martí, empregar os coñecementos adquiridos na facultade para tratar de “axudar a mellorar a situación da nosa comunidade”. Con esa idea, optaron por organizar un evento en lugar dunha acción publicitaria, “porque un dos puntos máis valiosos do comercio local é o trato persoal, algo que as vendas por internet non poden ofrecer”.

Isto levounas a deseñar un modelo de empresa, Ananás Eventos, "que nos gustaría que acabase sendo unha empresa real que seguise mantendo os valores cos que a creamos". Neste caso, a organización dun evento, sen custo para as empresas participantes, co que buscaban demostrar que “con esforzo e colaboración pódense conseguir grandes resultados”, salientan estas dúas estudantes, que lembran nese senso que Comercio km 0 “non tería sido posible” sen a implicación “desde o principio” da Vicerreitoría, á que se sumou a colaboración da Concellaría de Promoción Económica, Aempe e de dous estudantes do grao en Comunicación Audiovisual, que se encargarán de realizar vídeos e fotografías do evento.

22 comercios participantes

En cada un dos postos que se instalarán nesta feira emprazaranse dous comercios “cun público simular, coa finalidade de crear sinerxías entre eles”, explican Lado e Leis. O evento, que contará cun control de aforo para evitar aglomeracións, reunirá nese senso a establecementos de diferentes ámbitos, “desde moda ou decoración a artesanía, gastronomía ou comercio xusto”. Concretamente, as 22 empresas participantes nesta feira son Magdalena Salas, Nalatcha, Merypuch, A balea das cores, Estilo Aramar, Las tareixas, Silueta, Vintage village, Estonllo, Nahualt, Meu, Pontepan, floraría Tendencias, libraría Clip, La vieja librería, Chico Sport, Bodysport, Recreate, The Cream CBD, Mundo Verde, Comercio Xusto e Fotos Merchi Gómez.