DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un grupo de alumnas da FFT organizan o XXI encontro nacional ENETI

Estudantes de Tradución e Interpretación de toda España daranse cita en abril en Vigo

Agardan a participación de entre 400 e 500 persoas das 34 universidades que imparten este grao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/01/2024

ENETI, o Encontro Nacional de Estudantes de Tradución e Interpretación, naceu en 2001 da man dunha alumna da Universidade de Salamanca que quería organizar un evento por e para estudantes deste grao que servise para coñecerse, aprender e compartir. En 2024 esta cita recalará en Vigo por primeira vez na súa historia, e farao da man de Alba Carballal, Ana Doval, Melanie Varela e María Herrero, as catro estudantes que conforman o comité organizador. Froito do seu esforzo, o campus de Vigo acollerá os días 18 e 19 de abril a vixésimo primeira edición deste encontro no que se agarda a participación de entre 400 e 500 estudantes procedentes das 34 universidades que imparten en España o grao en Tradución e Interpretación, das que só 17 son públicas.

As catro presentaron a candidatura da UVigo como sede do congreso na vixésimo edición do ENETI que tivo lugar en Salamanca e lembran como “o último día anunciaron que facultade sería a seguinte anfitrioa… e fomos nós! Fainos especial ilusión, porque é a primeira vez que se fai este evento en Vigo. Ao final, todo o esforzo tivo a súa recompensa”. Explican que o evento, que naceu como encontro de estudantes, ten varias finalidades, “por unha banda, coñecer os compañeiros de Tradución e Interpretación de distintas partes do país e, por outra, atoparse con distintos profesionais da tradución para coñecernos, facer contactos e aprender uns dos outros. Con todo, cada edición adoita buscar innovar en certas cousas de interese para evitar caer en rutina e porque, ao final, ten que ser capaz de seguir o ritmo da evolución da TeI”. Para a cita do mes de abril a organización agarda, atendendo ás cifras de edicións anteriores, entre 400 e 500 persoas e xa recibiron tanto propostas de presentacións como de charlas e obradoiros “superinteresantes relacionadas coa tradución audiovisual, a transcreación, ou tradución creativa relacionada co ámbito da publicidade, a tradución médica, a tradución xurídica…” Ademais, engaden, “algunha que outra eminencia tamén se está animando, e chégannos aos nosos oídos que hai bastante expectación ante o que saia desta edición”. Aínda que o prazo para presentar traballos xa está aberto, as inscricións para participar como asistente estarán abertas dende o 2 ata o 28 de febreiro. 

Unha das grandes novidades desta edición será a LocJam, unha idea que naceu dende a organización e que consideran que pode ser “unha oportunidade magnífica para que todos os asistentes poidan darlle un intento á localización de videoxogos nunha contorna segura”. 

As claves: organización e compenetración

Para Alba Carballal, encargada da xestión e a coordinación, Ana Doval, responsable de comunicación; Melanie Varela, coordinadora do comité de actividades e María Herrero, responsable de protocolo, están a ser uns meses moi intensos, compaxinando os seus estudos de grao coas esixencias propias de poñer en marcha un evento coma este. Como elas mesmas recoñecen, “organizar un evento así é todo un reto e máis cando somos un equipo bastante reducido, pero temos unha gran coordinación e compenetración que nos está permitindo sacalo adiante. Estamos completamente comprometidas coa edición que se nos encargou e iso estanos permitindo adquirir e mellorar habilidades relacionadas coa organización de eventos, a xestión do tempo, etc. e mesmo nos permitiu ampliar a nosa rede de contactos. Todas temos os nosos proxectos académicos, profesionais e persoais, e atopar un equilibrio entre todo isto é algo difícil, pero nada que un pouco de organización non poida solucionar. Cando unha de nós non pode ocuparse dalgo nun momento en específico, outras persoas do equipo están listas para dar un paso á fronte e sacar adiante o evento. En equipos así é onde saen adiante os grandes proxectos, polo que traballar así xa nos da experiencia para o futuro. De todos os xeitos, pensamos que cando algo che fai moita ilusión, fas todo o posible para que saia o mellor posible”. 

Unha reivindicación das humanidades

Ao longo dos dous días que durará este encontro, as e os estudantes poderán analizar os retos da súa futura profesión, as perspectivas laborais ou o impacto de avances tecnolóxicos como a intelixencia artificial no seu desenvolvemento profesional. Neste contexto, no que semella que as humanidades van quedando cada vez máis relegadas a un segundo plano, as organizadoras consideran que en eventos como o ENETI “está a resposta ante a invisibilización ou desvalorización” destas disciplinas, “posto que nos expón e revaloriza ante o público xeral”. Neste sentido, recoñecen que na maioría dos casos, o público non pensa “na persoa que estivo detrás dese xogo de palabras da última película de Marvel, pero se ves que quen o traduciu vai dar unha ponencia na túa cidade, xa che pica un pouco a curiosidade de saber o que hai detrás… e atópaste cun mundo!”.

É por isto que as catro mozas reivindican a vertente humana da tradución e a interpretación e lembran que “as humanidades son a consecuencia lóxica do progreso da propia humanidade, sen elas non seriamos mellores que as máquinas” e pregúntanse se “pode unha máquina traducir un soneto, respectando a súa rima, estilo de escritura, variedade sociodialectal e mensaxe?” Para elas a resposta é clara: “de momento, e no futuro máis próximo, dito escenario é imposible, polo que non deberiamos esquecer o potencial do ser humano e aprender do que somos capaces. Unha vez a xente saiba —ou máis ben, lembre— o valor que ten o propio ser humano, a situación pode mellorar exponencialmente”. Pero ademais desta firme defensa das humanidades, estas catro estudantes teñen tamén moi interiorizada a necesidade de loitar pola dignidade da profesión, e como elas mesmas explican, “pensamos que «facernos respectar» é a nosa responsabilidade, dende unha postura sindical que nos permita reivindicar unhas condicións laborais dignas. Agachar a cabeza e aceptar segundo que termos non é a solución aos problemas nos que se ten que enfrontar o noso gremio hoxe. Un gremio, por certo, moi corroborativo e sempre inclusivo”, conclúen.