DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No traballo participou o investigador da Área de Nutrición e Bromatoloxía Anxo Carreira

Un estudo amosa os beneficios da terapia grupal fronte a individual na loita contra a obesidade

Nos pacientes que finalizaron o tratamento a perda ponderal media de peso foi superior ao dobre

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 30/05/2017

Os pacientes con obesidade que acoden a terapia grupal presentan diferenzas significativas na perda de peso final con respecto ás persoas que acoden a terapia individual e tamén teñen unha mellor taxa de seguimento do tratamento. As cifras de participación nas sesións e de perda ponderal de quilos ao remate da terapia duplican no primeiro colectivo ao segundo. Estas son algunhas das principais conclusións extraídas nun estudo desenvolvido con case un centenar de pacientes con obesidade por un equipo multidisciplinar no que participou Anxo Carreira, dietista-nutricionista e investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Os datos, apúntase no estudo, “amosan a importancia da motivación e do tratamento integral nun colectivo no que son especialmente elevadas as taxas de abandono do tratamento”.

Estudo retrospectivo con 96 pacientes

Na investigación, desenvolvida desde finais de 2016, participou persoal das diferentes disciplinas da Unidade de Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, estando ademais de Anxo Carreira, María González, Marcos Matabuena, Eva Vázquez, Nuria López, Marcos Pazos, Ana Cantón e Miguel Ángel Martínez. Os resultados do traballo foron presentados por Anxo Carreira recentemente no XXXII Congreso da Sociedade Española de Nutrición Parenteral e Enteral, que se celebrou en Valladolid do 18 ao 20 de maio. Segundo explica o investigador da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias do Campus Auga, o obxectivo do traballo foi comparar a efectividade da terapia grupal fronte á terapia individual no tratamento de pacientes con obesidade ou en risco dela. Para acadalo fíxose un estudo retrospectivo no que se incluíron 96 pacientes de 16 a 82 anos con índice de masa corporal próximo ou maior a 30 Kg/m2, remitidos para iniciar un programa de perda de peso ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. 45 destes participantes foron derivados a terapia grupal e 51 a consulta individual.

“Un dos grandes problemas que ten a loita contra a obesidade é que se perden moitos pacientes ao longo do tratamento. Con este estudo quixemos ver con datos esa incidencia e como afecta ou non que a terapia sexa grupal ou individual”, explica Anxo Carreira, . O 69% dos pacientes de terapia grupal e o 80% do grupo control que participaron no estudo tiña realizado algún tipo de dieta previamente (sen conseguir manter a perda de peso), cifras que, apunta o investigador, amosan as dificultades de abordar esta problemática con éxito.

Conseguir completar o programa

O protocolo de atención aos pacientes participantes incluíu seis visitas ao longo de arredor dun ano. Na terapia grupal as tres primeiras realizáronse e grupos de dez ou menos persoas e as tres seguintes de maneira individual. Nas sesión grupais explicóuselle aos participantes conceptos de educación nutricional, como por exemplo as características dunha dieta sa, alimentos e racións saudables, etc. O intervalo de tempo nas sesións grupais foi de cada tres semanas e nas consultas individuais de dous meses aproximadamente.

Sobre as característica da mostra dun e doutro grupo de estudo, o investigador salienta que no caso dos participantes na terapia grupal a media de idade foi de 44 anos, a de peso de 105,6 quilos, a de altura de 1,64 m e a de índice de masa corporal (IMC) medio de 39,2. Os participantes abrangueron desde o sobrepeso de grao dous ata a obesidade mórbida. Polo que, ao colectivo que se someteu a terapia individual, a media de idade foi de 46 anos, a de peso de 111 quilos, a de altura de 1,64 m e a de IMC medio de 41,3, abranguendo desde obesidade de grao dous ata obesidade mórbida. En ambos grupos, a maioría dos pacientes foron derivados desde o servizo de atención primaria e en menor medida doutros como traumatoloxía, xinecoloxía ou endocrinoloxía. No estudo, explica Anxo Carreira, tamén se recolleron as comorbilidades asociadas á obesidade, sendo as máis presentes a patoloxía articular, que padecen máis do 50% dos pacientes participantes; a hiperlipemia, que afecta a case o 50%, e en índices inferiores enfermidades como prediabetes, patoloxía respiratoria, síndrome ansioso depresivo, alteración de tiroides, patoloxía respiratoria ou diabetes mellitus tipo dous.

Os resultados analizados, detalla o investigador da Facultade de Ciencias, indican que completaron o programa o 44% e o 27% dos pacientes de terapia grupal e individual respectivamente. Nos pacientes con terapia grupal, á visita tres chegaron o 71%, cunha media de peso perdida de 2,1 quilos. Na visita seis a participación descendeu ao 44% e a perda de peso a 5,3 quilos. No caso dos pacientes de visita individual, na visita tres asistiron o 67%, cunha perda de peso de 2,5 quilos pero na visita seis o índice de participación baixou ao 27% e a media de quilos perdidos a 2,3. A perda ponderal de quilos foi para o primeiro grupo de 5,5 quilos e para o segundo de 2,3. “Ver que hai xente na túa mesma situación, ver que non es o único que ten ese tipo de problema e ver como xente na túa mesma situación consegue avanzar na loita contra a obesidade amósase como un elemento motivador. A presión do grupo exércese en positivo neste caso”, apunta o dietista-nutricionista.