DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Carlos Lago publica un artigo elaborado con Maite Gómez, da Universidad Europea de Madrid

Un estudo confirma a crenza dos seareiros: os árbitros favorecen os equipos grandes

Analizaron os partidos da Liga 14-15 e conclúen que se engade máis tempo extra se perde o club de ma

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 06/07/2016

No seu libro Fútbol es Fútbol, publicado en 2015, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago ofrecía explicacións científicas a crenzas e mitos sobre o deporte rei, e entre elas, xa apuntaba que algunhas investigacións confirman a idea de que as arbitraxes benefician os equipos grandes. Agora, e en colaboración coa docente da Universidad Europea de Madrid Maite Gómez, vén de publicar na revista Perceptual and motor skills un estudo que, baseado en técnicas estatísticas, confirma que os colexiados favorecen os grandes equipos reducindo o tempo engadido cando van por diante no marcador e sumando segundos extra se van perdendo.

Para realizar este traballo, os autores analizaron os datos dos 380 partidos que se xogaron na Liga española durante a temporada 2014-2015 considerando a posible influenza na cantidade de tempo engadido de variables como a diferenza de goles, o nivel de xogo de cada equipo, o número de tarxetas vermellas e amarelas, as substitucións, as asistencias e as faltas cometidas. Para isto empregaron a regresión lineal, unha técnica estatística moi utilizada para detectar relacións entre variables e observaron que canto maior é diferenza no marcador, menor é o tempo adicional que concede el árbitro. Pola contra, se o resultado é moi axustado, os árbitros tenden a engadir máis segundos se o equipo de maior nivel vai por detrás no marcador e menos se vai por diante. Outro factor que inflúe no tempo extra é o número de tarxetas vermellas e as faltas cometidas, que fan aumentar o tempo engadido.

O profesor do campus de Pontevedra recoñece que “pode que a habitual queixa dos equipos menos poderosos sobre o mellor trato dos árbitros cara os equipos grandes teña sentido”, xa que segundo os datos desta investigación “tenden a beneficiar coas súas decisións os equipos mellor clasificados cando teñen o marcador en contra”. Engade tamén que “esta vantaxe é máis grande canto máis importante sexa a diferenza entre os clubs”.

Os equipos locais, tamén beneficiados

Outra das crenzas populares arredor da arbitraxe no fútbol sostén que os colexiados favorecen os equipos locais, e existen estudos previos que demostran que a presión dos espectadores locais inflúe nos árbitros á hora de conceder máis ou menos tempo. En concreto, na Liga española os colexiados engaden 112 segundos máis cando o equipo que xoga na casa vai perdendo por un gol que cando vai gañando pola mínima. Esta tendencia a favor dos equipos locais tamén se identificou nos partidos da Bundesliga alemá, a Serie A italiana, a Premier League inglesa, a Major League Soccer de EE UU e Canadá e no Campionato Brasileiro.

Segundo o profesor da Universidade de Vigo “o máis preocupante é que este trazo dalgúns árbitros cara os equipos locais e os clubs grandes parece ter nome e apelidos, no sentido de que os colexiados con menos experiencia son os que máis se ven afectados polo ruído ambiental, ademais de que hai árbitros máis ou menos caseiros e con maior ou menor tendencia a beneficiar en situacións concretas aos equipos grandes”.

As recomendacións dos expertos

Carlos Lago e Maite Gómez achegan tamén no seu estudo unha serie de recomendacións para tratar de diminuír a incidencia destes comportamentos colexiais. Por unha banda destacan a necesidade de “mellorar a formación dos árbitros e evitar na medida do posible a subxectividade das súas decisións” que, segundo os expertos, “de momento non se ten demostrado que sexan malintencionadas, senón simplemente humanas”. Por outra parte, apuntan tamén que a tecnoloxía podería axudar, “aínda que o trazo dos colexiados pode diminuír simplemente se se fan conscientes do seu papel no resultado dos partidos”.