DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Alfonso Rodríguez Dono

Un estudo propón técnicas que permiten estimar o comportamento das rochas na construción dun túnel

Destaca a importancia de coñecer as características das pedras deterioradas para planificar a constr

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/02/2012
Os túneles son unhas das obras de enxeñaría de maior complexidade e requiren dun estudo exhaustivo de todos os condicionantes que se poidan producir. Unha desas variables a ter en conta é o comportamento post-rotura das rochas ou macizos rochosos, é dicir, unha vez que teñen sufrido certo grado de rotura ou deterioro. Para facer máis segura e viable tanto a construción como o uso dos túneles é necesario coñecer as características de deformación e resistencia dos mesmos. Precisamente este é o obxectivo da tese de doutoramento de Alfonso Rodríguez Dono, que estudou o comportamento post-rotura das rocas tentando propoñer metodoloxías de estimación “razoablemente sinxelas e suficientemente fiables do comportamento tenso-deformacional”. Con isto, o investigador pretende mellorar o coñecemento sobre o comportamento destes macizos e contribuír a mitigar algúns problemas de inestabilidade que se producen en obras subterráneas. Segundo apunta o investigador, “existen relativamente poucos traballos que analicen o comportamento do macizo rochoso tras sufrir certo grao de rotura”, polo que o seu traballo é unha importante achega a este campo.

Metodoloxía

Para a realización do estudo, Rodríguez Dono traballou a partir de tres macizos rochosos de diferentes calidades nos que se simulou a escavación dun túnel, o modelado de diferentes comportamentos (incluído o rebrandecemento) para cada tipo de macizo rochoso, e o cálculo de parámetros cada vez máis realistas, xunto coas curvas de converxencia do terreo. Isto demostra a importancia da adecuada selección do modelo de comportamento para a análise de túneles.

Os resultados derivados desta tese poderanse aplicarse con tres finalidades. Por unha banda, mellorar as técnicas de deseño, estabilidade e control de escavacións subterráneas, xa sexan túneles, espazos subterráneos urbanos ou explotacións mineiras. Por outra, servirán para mellorar o coñecemento teórico do comportamento post-rotura dos macizos que permitirá incrementar o aproveitamento destes recursos naturais. E finalmente, aplicaranse á mellora do coñecemento do comportamento das rochas en xeral, tanto no seu estado puramente natural e de cara ao control de riscos tales como desprendementos e corrementos, como para o deseño de noiros en pedra, xa sexa para minería, estradas e obras civís, etc.

Nunha primeira etapa Rodríguez Dono estudou o comportamento post-rotura de mostras de granito alterado. Para isto, realizou ensaios de resistencia sobre 50 mostras de rochas de granito con diferentes grados de meteorización. “Analizando os resultados, descubriuse que a resposta tenso-deformacional da roca está moi afectada pola súa meteorización”. A principal conclusión da investigación é que, na aplicación da metodoloxía das curvas converxencia-confinamento, a elección do comportamento do macizo rochoso inflúe significativamente na forma que adquire a curva característica do terreo e, por ende, na análise da interacción entre o macizo e o sustentabilidade. “Os resultados obtidos poñen de manifesto a importancia da adecuada selección do modelo de comportamento post-rotura para o deseño de túneles”.