DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus autores, Xosé Mahou e Ramón Bouzas, presentarán a investigación no congreso internacional do

Un estudo sobre sanidade electrónica sitúa a web do Sergas como referente nacional

Este proxecto insírese nun de maior envergadura financiado polo goberno estatal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 25/10/2012

O sector da administración atopou nas novas tecnoloxías un “bo aliado” para mellorar a súa atención á cidadanía. Dous profesores galegos, Xosé Mahou da Universidade de Vigo, e Ramón Bouzas, da de Santiago de Compostela, decidiron unir forzas para avaliar os contidos das páxinas web institucionais de saúde das 17 comunidades autónomas de España, un estudo pioneiro no que se compara a nivel rexional os servizos electrónicos ofrecidos por cada un dos portais. A análise sitúa como principal referente nacional a web do Sergas, “sobre todo no que atinxe á oferta informativa”, puntualiza o profesor Mahou, que presentará esta investigación xunto a Bouzas a vindeira semana nun congreso internacional organizado polo CLAD, Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo, “organismo mundial de obrigada referencia para os gobernos e entes públicos iberoamericanos”.

Unha das conclusións que adiantaron os investigadores sobre este estudo é que Galicia dispón da mellor páxina web sanitaria en España, “pois o portal do Sergas arroxa os mellores resultados das 17 comunidades autónomas, con contidos variados, ben estruturados, comprensibles e cunha boa prestación de servizos”, explica Mahou. A diferenza da maioría das webs analizadas, a galega si ofrece a posibilidade de solicitar a tarxeta sanitaria e cita previa, consultar as listaxes de agarda, escoller médico ou acceder á historia clínica. Non obstante, os dous profesores advirten que unha boa puntuación da páxina web do sistema sanitario non significa que o servizo de saúde sexa de calidade, “de feito Galicia é o paradigma perfecto, xa que, a pesar de que o portal é bo en comparación cos outros, o funcionamento do Sergas dista moito de ofrecer un servizo eficiente con consultas médicas ateigadas de pacientes, sen persoal médico e enfermeiro e con demoras nas listaxes de agarda”, matiza o profesor da institución viguesa.

A nivel xeral, Mahou e Bouzas salientan que as páxinas web das administracións sanitarias están ben deseñadas e cun nivel de información axeitado, “pero escasamente accesible á cidadanía, con mecanismos limitados de comunicación”, sinalan. Aínda así, sitúan a España como un dos países con maior desenvolvemento no eido da administración electrónica “con webs institucionais de referencia internacional, tales como o portal da Axencia Tributaria, o da Seguridade Social ou de Atención á Cidadanía”, exemplifican.

Primeira análise sobre o contido

Este proxecto, froito das colaboracións interuniversitarias, convértese no primeiro estudo científico sobre o contido das webs de saúde electrónica. Como explica o profesor Mahou, o estudo dos portais institucionais dende unha óptica politolóxica “apenas comeza a desenvolverse”, sendo máis común a análise técnica “de aspectos como a usabilidade ou a accesibilidade”. Neste caso, os dous investigadores centráronse en avaliar o nivel de calidade da oferta informativa, a capacidade de comunicación, a participación da cidadanía e o desenvolvemento dos servizos online prestados polas páxinas web institucionais. “O obxectivo final foi crear un marco metodolóxico sólido que poida ser aplicado, cos necesarios axustes, na análise de calquera web institucional”, subliña o investigador vigués.

Este estudo liderado por Mahou e Bouzas forma parte dun proxecto de investigación de maior envergadura financiado polo antigo Ministerio de Ciencias e Innovación, Barreras al gobierno electrónico. El empleo de las TIC en la política sanitaria autonómica. Un enfoque desde las relaciones intergubernamentales, no que participan, ademais das universidades de Vigo e Santiago, a Autónoma de Madrid, a do País Vasco, o Center for European Administration, CEPA, e o European Centre for the Regions, EIPA-ECR.

Principal foro de debate sobre administración pública

Os profesores Xosé Mahou e Ramón Bouzas, xunto con Andrés Cerneda, serán os únicos representantes galegos no macro encontro internacional organizado todos os anos polo CLAD, organismo asesor e referente de moitos gobernos e administracións iberoamericanas. Para Mahou, formar parte desta iniciativa, que nesta ocasión terá lugar en Cartaxena de Indias, supón “estar presente no principal foro de debate e reflexión sobre o Estado e a administración pública no ámbito iberoamericano”, reunindo edición tras edición aos mellores expertos e profesionais europeos e latinoamericanos “para contribuír á modernización e reforma dos sectores públicos”.