DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os premios entregaranse coincidindo coa inauguración da exposición coas propostas recibidas

A EU de Estudos Empresariais xa ten a imaxe e o relato dos seus 100 anos de historia

O xurado elixiu as dúas gañadoras entre as máis de 60 instantáneas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 22/04/2021

Dentro do programa de actos para conmemorar o seu centenario, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais convocou un concurso fotográfico que buscaba resumir a historia nunha ollada, unha peza que reflectise a estreita relación entre a escola a cidade de Vigo. Entre as máis de 60 propostas presentadas ao certame, o xurado deu a coñecer este venres as fotos gañadoras: Presencial y virtual de Diego Pérez Casal na categoría Unha imaxe e Cinco veintenas de Juan Fernández Calleja, na modalidade Un relato.

O xurado amosouse moi satisfeito pola elevada participación e seleccionou un primeiro e un segundo premio así como un accésit en cada categoría. O certame, convocado baixo o título Historia dunha ollada: Vigo e a súa Escola, estivo aberto a toda a cidadanía na procura das imaxes que mellor representen o valor da escola, un centro polo que xa pasaron máis de 20.000 estudantes ao longo da súa historia. 

Unha imaxe

Na modalidade de fotografía única, o primeiro premio foi para Presencial y virtual de Diego Pérez Casal, unha fotografía en branco e negro que, segundo o xurado, “condensa nunha imaxe o percorrido histórico da escola co presente máis inmediato ao fundir a presenza emblemática do edificio coa súa representación nun teléfono móbil en primeiro plano”. No fallo xustifican esta escolla porque “o xogo de superposición, tamaño e enfoque (nidio e máis difuminado) resolve dun xeito metafórico a pegada do pasado co contexto de rabiosa actualidade cando a pandemia nos obrigou a incrementar o uso da tecnoloxía como solución á crise. Este xogo de espellos concorda ademais maxistralmente co lema elixido”. 

O segundo premio foi para A luz de Mercurio de Carmen Rodríguez Jorge, tamén en branco e negro. O xurado destaca o “valor conceptual e simbólico do deus do Comercio e a forza da imaxe, ademais das súa calidade fotográfica tanto no enfoque coma no xogo de luz e contraste e a interesante perspectiva”. Finalmente, o accésit nesta categoría foi para Autopista hacia el éxito de Martín Torres Besada, “unha imaxe que amosa gran destreza fotográfica polo uso dos recursos dos angulares e a posprodución. Presenta unha perspectiva vertical da torre da escola cun claro punto de fuga cheo de dinamismo e velocidade tal e como corresponde a unha autoestrada, suxerindo incluso o camiño de engalaxe dunha aeronave”. 

Un relato

Na modalidade B, denominada Un relato, que buscaba unha serie de fotografías, o primeiro premio foi para Cinco veintenas, de Juan Fernández Calleja, un mosaico de cinco imaxes da escola e dende a escola. O xurado elixiuna “pola súa destreza fotográfica ao incorporar distintas perspectivas e xogar coa luz en varios momentos do día ademais de mesturar o edificio e a súa contorna dun xeito dinámico e equilibrado”. 

Nesta categoría o segundo premio foi para Mans que crean Escola, de Carmen Rodríguez Jorge, “pola forza construtiva da serie e a mirada que vai máis aló do literal, do material, e pon o foco no colectivo que traballa acotío e coas súas mans constrúe a escola, polo recoñecemento á súa tarefa indispensable para a traxectoria de cen anos e pola emotividade do concepto”. Completa a selección do xurado a obra de Rebeca López Villar, Detrás das palabras, que obtivo o accésit. Os membros do xurado destacan a súa proposta “dunha liña temporal en branco e negro que parte do textual e numérico nunha primeira imaxe superposta con materiais transparentes na que destacan as datas do centenario e que continúa coa imaxe da escola en dous tempos: primeiro desenfocada e logo máis definida, subliñando así un percorrido de consolidación e madurez”. 

Premios e unha exposición temporal

O primeiro premio consiste nunha achega económica de 300 € e unha experiencia dunha semana cun fotógrafo profesional, co que os gañadores coñecerán de primeira man o traballo feito en sesións e edicións fotográficas. O segundo premio comprende unha cantidade de 150 € e o accésit de 50 €. 

Tanto as fotografías gañadoras como o resto das enviadas serán impresas e expostas temporalmente no vestíbulo da Escola Universitaria de Estudos Empresariais. A entrega de premios terá lugar coincidindo coa inauguración da mostra.