DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias da Educación organiza unha xornadas sobre esta forma de intercambio non mone

Eu troco... agora trócache a ti

O sábado día 12 o Parque de San Lázaro acollerá un mercado e numerosas actividades paralelas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/04/2012

A compra con diñeiro non é a única opción posible para adquirir un produto ou servizo. Tamén se pode facer a través do troco, do intercambio non monetario. En tempos de crise económica e de falta de liquidez esta forma de comercializar está adquirindo novos pulos. Para explicar o seu funcionamento e para potenciar esta opción, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense vén de presentar este mércores as Xornadas educándonos para o troco. Eu troco... agora trócache a ti, que se celebrarán durante o mes de maio na cidade das Burgas.

Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Marta Arribas, concelleira de Medio Ambiente e Xuventude de Ourense; e Lorena Galego, alumna do centro e membro da organización foron as encargadas de presentar a iniciativa. “Para min é especialmente satisfactorio presentar estas xornadas porque son unha iniciativa nacida entre o propio alumnado universitario. Cando se fala da xuventude nos medios de comunicación fálase dela, en moitas ocasións, como insolidaria e individualista e esta actividade vén a amosar como hai moita xente nova con iniciativa, emprendedora e solidaria”, advertiu Mercedes Suárez. A idea da súa celebración xurdiu no marco dunha materia impartida pola profesora Emilia Seoane en 2º curso do Grao de Educación Social.

Das Xornadas educándonos para o troco, Marta Arribas salientou que “o troco é un principio de reciclaxe e de reutilización, unha práctica que pode e que debe ser recuperada para a nosa sociedade, sobre todo en tempos coma os actuais de crise económica”. A concelleira de Medio Ambiente e Xuventude ourensá destacou tamén como beneficio desta forma de comercialización o feito de que se basea no principio do diálogo e que é un vehículo de valores sociais.

Conferencia, proxección e mercado

Pola súa banda, Lorena Galego explicou que as xornadas comezarán no Liceo de Ourense o día 7 de maio cunha conferencia, ás 20.00 h, de Luis García Maña sobre as peculiariedades da relación fronteiriza entre Ourense e Portugal e o intercambio de bens e servizos entre os dous países. O día seguinte, o martes 8 de abril, na aula 1.5 do campus, proxectarase ás 20.30 h o documental Troco. Será o sábado día 12 cando chegue o momento de levar á práctica os coñecementos adquiridos coa celebración no Parque de San Lázaro dunha xornada de mercado de troco que contará ademais cunha ampla programación de actividades paralelas, como xogos populares, manualidades e a actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense.

Nesta xornada de troco poderá participar calquera persoa interesada aténdose a unha serie de indicacións dos organizadores presentes no parque. “A moeda de cambio será o diálogo, a posta en común e os acordos e non se permitirá en ningún momento o uso de diñeiro convencional”, advirten os organizadores.