DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia acolleu este venres a súa celebración

A evolución do clima e o uso do solo centran as Xornadas Xeográficas

O seu obxectivo foi ofrecer unha visión interdisciplinar sobre temas de actualidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/11/2017

A Área de Xeografía Física da Universidade de Vigo organizou este venres na Facultade de Historia do campus de Ourense as Xornadas Xeográficas 2017. A cita, explica Elena de Uña, responsable xunto a Miguel Ángel Álvarez desta cita, tivo como obxectivo “abordar dun xeito moi interdisciplinar temas de actualidade, moi debatidos, contribuíndo á reflexión sobre a variabilidade climática e o mantemento de recursos esenciais para a diversidade no planeta”. Para abordar estes temas achegáronse ás xornadas persoal docente e investigador das universidades de Vigo e Aveiro, en Portugal.

Temas de actualidade

As Xornadas Xeográficas 2017 escolleron como lema os catro grandes elementos, que son a auga, o lume, a terra e o aire. A programación arrancou cunha intervención de Xurxo Costoya, investigador da Universidade de Aveiro, sobre as variacións climáticas ao longo da historia da terra. Nela, fixo un repaso por diferentes métodos que empregan os científicos para coñecer o clima do pasado, como os testemuños de xeo, os corais, os aneis das árbores e as series históricas, e polas variacións climáticas máis importantes.

Trala súa intervención, Esther de Blas, profesora titular da Facultade de Ciencias e investigadora da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo, foi a encarga de “destacar a importancia do solo no ecosistema polas importantes función que cumpre”. O solo, afirmou, “é un recurso limitado que é necesario conservar para conservar a saúde do ecosistema, do noso planeta”. Tamén investigadora da Universidade de Vigo, Alexandra Ramírez falou aos asistentes á xornada sobre “a influencia do metano na atmosfera e como este incide no quecemento global”, achegándose a aspectos como o papel que xogan os sedimentos nas rías na acumulación e liberación deste metano. Para rematar, produciuse un debate aberto entre os relatores e relatoras e o público que encheu o salón de graos Vicente Risco sobre o lume, sobre as súas causas e xestión tendo en conta a vaga de incendios vivida en Galicia este outono.

Enriquecendo a formación do alumnado

Con estas intervencións completáronse unhas xornadas dirixidas principalmente, aínda que non de xeito exclusivo, ao alumnado do Grao en Xeografía e Historia que pretenderon, tal e como destacaron os seus responsables, “ampliar e enriquecer” a súa formación abríndoa a outras perspectivas científicas relacionadas co seu obxecto de estudo, a xeografía. “Os dous aspectos máis destacados desta xornada son o seu enfoque interdisciplinar, que quedou patente no panel de relatores e temas abordados, e a vinculación coa actualidade dos contidos abordados”, destacaron desde a organización da cita, que ten un carácter anual.