DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Javier García explicou no campus a súa experiencia como emprendedor

Un exemplo de transferencia real para inspirar aos novos investigadores

Creou a empresa Rive Technology para explotar os resultados do seu traballo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/11/2011

Como docente, investigador, asesor, emprendedor e divulgador, Javier García Martínez, director do Laboratorio de Nanotecnoloxía Molecular da Universidade de Alacante, conta cunha dilatadísima traxectoria profesional que o converte nun exemplo a seguir para outros. Este xoves acudiu ao campus de Ourense para contar a historia da súa viaxe persoal no eido da transferencia, unha historia de éxito que lle levou a crear, froito da súa investigación, unha empresa na que agora traballan 40 persoas e que acadou 47 millóns de investimento de capital risco.

A conferencia, titulada Transferencia tecnolóxica: da universidade á empresa. Historia dunha viaxe persoal, foi presentada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Antón Vila, director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), e Diego González, coordinador en Ourense do The Global Chemistry Experiment, do que Javier García é coordinador xeral. Durante esta presentación, entre outros méritos se destacou do relator que é inventor de 24 patentes, autor de numerosos artigos científicos, vicepresidente do Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial de Davos, membro da IUPAC e asesor da Comisión Europea en temas de innovación e emprendemento.

O futuro, na enerxía

Pero sobre todo, García Martínez é tamén fundador da empresa de base tecnolóxica Rive Technology, que naceu do seu traballo de investigación posdoutoral no MIT, en Estados Unidos. Neste senso, o emprendedor quixo salientar a importancia de exercitar este tipo de transferencia da universidade á empresa porque, advertiu, “a maioría da investigación que se realiza faise en universidades e ten que aproveitarse para xerar postos de traballo e beneficios económicos”. Por este motivo, animou aos estudantes asistentes á conferencia a que cando rematen os seus estudos non só sexan demandantes de emprego, senón que se prantexen ser creadores del converténdose en emprendedores.

De cara a analizar as oportunidades de futuro que teñen os investigadores como emprendedores, Javier García apuntou que a enerxía é a clave do futuro, pois o seu desenvolvemento e xestión definirá boa parte a evolución do mundo. Neste senso, destacou o paradoxo de que “se perde máis enerxía da que se emprega, principalmente no seu transporte e na eficiencia da explotación do cru”. Esta situación, apuntou, abre grandes oportunidades de futuro aos investigadores a través da nanotecnoloxía, chamada a cambiar esta situación coa creación de materiais que teñan a propiedade de facer enerxía limpa e rendible.

The Global Chemistry Experiment

Ademais de ofrecer esta conferencia no campus de Ourense, Javier García foi o encargado de pechar o mércores o proxecto da UNESCO e a IUPAC The Global Chemistry Experiment en Ourense, cunha conferencia no IES Otero Pedraio. Seis centros da cidade e arredor de cen escolares participaron nesta iniciativa internacional de divulgación, considerada o maior experimento colectivo realizado en ciencia. No acto García Martínez explicou aos rapaces, docentes e autoridades asistentes o desenvolvemento do proxecto, resolveu dúbidas dos participantes e compartiu inquedanzas en relación co experimento, que segundo salientou “puxo a Ourense no mapa mundial da divulgación científica”.