DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado inaugúrase no Pazo de Torrado a exposición ‘3 proyectos de espacio para 1 espacio’

A experiencia da Facultade de Belas Artes toma a palabra en Cambados

Móstrase un “diálogo” entre as obras dos profesores Fernando Casás, Juan Fernando de Laiglesia e Man

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 15/06/2012

Da man de tres dos docentes máis experimentados da Facultade de Belas Artes, Fernando Casás, Juan Fernando de Laiglesia e Manuel Moldes, inaugúrase este sábado 16 de xuño en Cambados, na sala de exposicións do Pazo de Torrado, a mostra 3 proyectos de espacio para 1 espacio, comisariada tamén polo profesor Javier Tudela. Esta selección de obras convértese na terceira experiencia expositiva da facultade na vila, no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade e o concello en materia de divulgación artística. “É unha forma de manter o diálogo para que os 25 quilómetros que nos separan non sexan un obstáculo, para que un lugar como Cambados, tan xeneroso coa creación artística, e a nosa facultade, que está a transformar a paisaxe da arte contemporánea, poidan redescubrirse e conversar”, define Tudela a esencia do convenio.

Se nas edicións anteriores de 2010 e 2011 a exposición estaba formada por obras de artistas recentemente saídos da facultade, desta volta toma o relevo a veteranía dos profesores Casás, de Laiglesia e Moldes, que aceptaron este novo reto no que poñen en diálogo as súas obras. “Se a xuventude dos artistas das dúas primeiras mostras non foi en detrimento da profesionalidade e do nivel e calidade das propostas, a experiencia e o oficio non serán tampouco obstáculo para que as esculturas, pinturas e instalacións que reúne esta nova exposición estean sobradas de frescura e de saber facer”, declara o comisario da exposición.

Os traballos que se poderán ver no Pazo de Torrado dende o mesmo 16 de xuño abarcan un período moi amplo, “dende os anos 70 ata os nosos días”, o que non pretende ser unha argumentación histórica, senón un encontro entre tres artistas “mestres da creación artística”. A exposición quere converterse nun espazo “no que as obras conversan entre elas seguindo as regras dun xogo que os propios artistas dominan a través do uso de materiais, cor, formas...”, sinala Tudela que engade a idoneidade da exposición para un espectador curioso e atento.

Catro exposicións en curso

Esta exposición súmase ás que a Facultade de Belas Artes ten nestes momentos abertas ao público en diversos espazos expositivos da provincia. Un total de catro mostras achegan á cidadanía o traballo artístico “que se desenvolve dentro das aulas”, a primeira inaugurada o xoves da semana pasada na Casa da Cultura Galega en Vigo, Afinidades Selectivas 5, na que docentes e ex-alumnado amosan o diálogo dos seus proxectos; a segunda, Eso sigue su curso, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, que mostra os traballos finais dos 20 estudantes do Máster en Arte Contemporánea e unha terceira, que se pode visitar dende este xoves no Pazo de Cultura de Pontevedra, Do final e do comezo, que recolle unha selección de proxectos do alumnado do último curso do Grao en Belas Artes.

3 proyectos de espacio para 1 espacio poderase visitar na sala de exposicións do Pazo de Torrado ata o 22 de xullo de martes a sábado de 17.00 horas a 20.00 horas e os domingos de 11.00 horas a 14.00 horas.