DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada por CINTECX

Expertas de distintos ámbitos poñen o foco na importancia de incorporar a mirada de xénero á investigación tecnolóxica e industrial

A actividade incluíu unha mesa de traballo con Belén Rubio, Águeda Gómez e Iria Vázquez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 29/09/2023

Falar, debater e, sobre todo, formarse sobre os mellores xeitos de incorporar a perspectiva de xénero no día a día do persoal investigador, especialmente no do ámbito tecnolóxico e industrial. Con este motivo o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, organizou este venres unha xornada na que da man de destacadas expertas se tratou de identificar as pautas a seguir para integrar esta análise de sexo/xénero nos proxectos de investigación deste ámbito, de maneira que todo este coñecemento se poida incorporar de forma práctica nas súas futuras propostas, tanto europeas como de ámbito nacional.

Baixo a batuta da directora do centro, Concepción Paz Penín, as xornadas arrancaron con cadanseu relatorio de dúas expertas da Universidad de Deusto, Lorena Fernández Álvarez e María López Belloso, e, a continuación, tivo lugar unha mesa de traballo que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a profesora de Socioloxía da Universidade de Vigo, Iria Váquez Silva. Seis mulleres falando de igualdade e de como incorporar á perspectiva de xénero ao día a día do traballo de investigación.

Por que importa o xénero?

“Queremos que este sexa un espazo de aprendizaxe para todas as persoas que estamos aquí”, subliñou no inicio da súa intervención Lorena Fernández, integrante do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo. Enxeñeira informática de formación, desde o seu punto de vista, o primeiro paso para incorporar a perspectiva de xénero á investigación é “incorporar as mulleres”, porque “con elas traen a súa mochila, a súa experiencia vital”, facendo así fincapé en que “os equipos mixtos incorporan diversidade de miradas e propósitos que non poderían incluírse cunha única mirada”.

“A miña investigación non ten nada que ver co xénero”. Esta é, segundo María López Belloso, unha das frases máis escoitadas no ámbito da enxeñaría e, pola contra, a maior parte das convocatorias, incluída Horizonte Europa, piden incorporar a perspectiva de xénero e valoran que a universidade teña un Plan de Igualdade. Nesta liña, defendeu a importancia de incorporar sempre esta perspectiva, tanto por unha xustificación social, como por evitar nesgos de xénero, así como para acadar mellores equipos e mellores resultados.

Aberta a toda a comunidade universitaria esta actividade realizouse no marco do proxecto Guía operativa para incorporar a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial, financiado polo Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo.