DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será nas II Xornadas sobre a Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Global

Expertos estatais e internacionais afondarán na formación dos futuros avogados europeos

O encontro celebrarase na Facultade de Dereito os días 10 e 30 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/10/2011
A implantación do EEES require de todos os estudos unha adaptación ao novo marco europeo. No caso dos futuros avogados, o contexto comunitario impón unha segunda adaptación, a necesaria para dar resposta ás demandas formativas duns xuristas que exercerán a súa profesión no marco dun novo dereito global. Para afondar neste tema, destacados expertos académicos estatais e foráneos daranse cita no campus de Ourense os días 10 e 30 de novembro de 2011 nunhas xornadas organizadas pola Área de Dereito Procesal e Dereito Romano da Universidade de Vigo.

A cita será nas II Xornadas sobre a Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Global, coordinadas polas profesoras da Facultade de Dereito Inés Iglesias Canle e María José Bravo Bosch. Nesta segunda edición, as súas organizadoras acadan repetir o éxito de público e calidade das conferencias escoitadas da primeira xornada. Para facelo, deseñaron un programa no que destaca a participación de expertos das universidades de Ceará (Brasil), Florencia (Italia), Almería, Carlos III de Madrid, Valencia, A Coruña e Santiago de Compostela, ademais de docentes da Universidade de Vigo.

Desde Brasil e Florencia

As xornadas comezarán o día 10 de novembro coa inauguración a cargo de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito de Ourense; e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. Esta primeira sesión comezará coas intervencións internacionais, falando María Vital da Rocha, da Universidade Federal do Ceará, sobre o dereito da personalidade en Brasil, e Vicenzo Durante, da Universidade de Florencia, sobre o camiño cara un dereito común europeo.

Tamén neste primeiro día de traballo, Pedro Resina, da Universidade de Almería, afondará no pragmatismo xurídico no itinerario formativo dos xuristas actuais; Mª José Bravo Bosch, da Universidade de Vigo, e Rosalía Rodríguez, da Universidade de Almería, explicarán aos asistentes a importancia do dereito romano como fundamento para a construción dun dereito privado europeo, e Luis Rodríguez Ennes, da Universidade de Vigo, e Modesto Barcia, da Universidade da Coruña, explicarán o proxecto de mestrado na avogacía para os novos xuristas.

A perspectiva estatal

As II Xornadas sobre a Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Global continuarán o día 30 de novembro cunha segunda sesión que comezará coa intervención de José Agustín González, da Universidade de Vigo, sobre a docencia do dereito constitucional no marco do EEES. Seguiranlle Inés Iglesias Canle e Juan Montero, da Universidade de Valencia, que falarán sobre a formación do avogado e o procurador no EEES, e Raquel Castillejo, da Universidade de Santiago de Compostela, que explicará a metodoloxía do caso como técnica de traballo cooperativa no contexto Moot Court. Para completar as xornadas Bernardino Varela, da Universidade de Santiago de Compostela, e Ágata Sanz, da Universidade de Castilla-La Mancha, disertarán sobre o ensino do dereito procesal e as novas metodoloxías docentes, e Francisco Javier Álvarez, da Universidade Carlos III de Madrid, afondará no tráfico de drogas nas relacións de explotación no ámbito internacional.

Os interesados en asistir a estas xornadas, especialmente dirixidas aos profesionais e estudantes do ámbito do Dereito, teñen de prazo de inscrición ata o vindeiro día 8 de novembro.