DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o luns na Facultade de Filoloxía e Tradución

Expertos internacionais afondan na relación entre letra e imaxe no V Congreso de Literatura Comparada

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mº del Carmen Echevarría DUVI 31/10/2007

Baixo a denominación de Intermediaciones, desde o luns 5 e ata o 8 de novembro, desenvolveranse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o V Congreso Internacional de Literatura Comparada e o XII Congreso Internacional da Asociación Española de Semiótica.
Del teatro a otros medios: Teatro/Cine/Radio/Televisión e Subtitulado / Doblado como procesos intersemióticos, os dos dous grandes bloques temáticos nos que están estruturados os contidos dos congresos nos que participarán destacados investigadores de universidades nacionais e estranxeiras, así como representantes do mundo do audiovisual.
Darío Villanueva, catedrático e ex reitor da Universidade de Santiago será o encargado de impartir a conferencia inaugural que seguirá as intervencións do presidentes das Asociacións Española e Internacional de Semiótica, José María Paz e Augusto Ponzio.
Carmen Becerra ,coordinadora do grupo de investigación Literacine, organizador do evento, destaca o gran nivel dos participantes nesta edición do congreso “no que contaremos coa presenza de autoridades mundiais no campo da semiótica como Eero Tarasti da Universidade de Helsinki, ou figuras do mundo da animación como o debuxante Miguel Anxo Prado”.

Obxecto de estudo

A relación entre a letra e a imaxe, sexa esta estática ou dinámica, e a existencia de filtros a través dos que todo chega á sociedade globalizada, centra o traballo que desde hai anos desenvolve o grupo Literacine que coordina Carmen Becerra. Cuestións que, tamén serán abordadas a partir do luns na Facultade de Filoloxía e Tradución, a través de relatorios nos que se abordarán as intermediacións audiovisuais, interxeneracionais, así como co teatro e a música.
A dobraxe no cine infantil será outro dos temas protagonistas do congreso, dirixido segundo Becerra “ en primeiro lugar aos alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución, pero tamén a profesores da ESO e colegas nas áreas de literatura comparada, así como os vigueses en xeral, interesados en estas cuestións”.

Intermediaciones en Galicia

José Saramago, Gonzalo Suarez e Jose Luis Cuerda, foron algúns dos participantes en anteriores edicións do congreso que chega neste 2007, ao seu quinto ano de celebración, e ante o que os organizadores agardan “se alcance o éxito doutros anos”.
Carmen Becerra considera que “as universidades galegas non quedaron atrás nunha sociedade, a do século XXI, no que a comunicación é imaxe”. A coordinadora do grupo Literacine, destaca, neste sentido, o traballo desenvolvido nas universidade de A Coruña e Santiago onde hai “grupos moi interesados e con resultados obxectivos, como é o caso do grupo Cefilmus ,creado por Darío Villanueva, e que ten aportado destacadas novidades no campo do intercambio entre diferentes disciplinas”.