DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos en reformas fiscais reúnense en Vigo no primeiro simposio sobre o tema

O seu traballo céntrase en simular e analizar os efectos de posibles reformas de impostos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/10/2007
Os investigadores que traballan en España en temas de reformas fiscais e microsimulación reúnense este xoves no Edificio Miralles no que constitúe o primeiro simposio que se organiza en España sobre a materia.
En total son 28 expertos procedentes de toda España, non só de universidades e do IEF, senón tamén do Instituto Nacional de Estatística e do Banco de España.
O encontro está organizado polo grupo de investigación Rede (Research in economics, business and the environment) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Instituto de Estudos Fiscais, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, co que hai uns meses se asinou un convenio para a posta en marcha de diferentes iniciativas.
No referente ao traballo que realizan estes investigadores, Fidel Picos, profesor encargado da organización do encontro, destaca que “consiste basicamente en simular e analizar os efectos de posibles reformas de impostos mediante a utilización de bases de datos representativas da poboación”.
Picos salienta que “toda reforma fiscal que se realiza en España leva detrás estas investigacións, caso por exemplo, da última reforma do IRPF”.
O simposio será inaugurado por Alberto Gago, Reitor da Universidade, e Santiago Díaz de Serralde, subdirector xeral de Estudos Tributarios do Instituto de Estudos Fiscais.