DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na STAR Global Conference, organizada por STAR Scholars Network e a Cátedra Unesco da UVigo

Expertos de todo o mundo debaten en Vigo sobre a educación como motor transformador para un mundo interconectado e equitativo

Coa participación de máis de 200 académicos e académicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Internacional
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/10/2023

Transformar o panorama educativo cara un paradigma de equidade e xustiza e que este sirva, á súa vez, como motor transformador para toda a sociedade. Este é escenario futuro sobre o que están a debater este semana en Vigo as e os máis de 200 asistentes á STAR Global Conference 2023, un congreso internacional organizado por STAR Scholars Network e a Cátedra Unesco da Universidade de Vigo.

STAR Scholars Network é un foro internacional de académicos e académicas que promove a mobilidade social global mediante o uso da investigación e no que traballan 15.000 docentes e estudantes que traballan a través das fronteiras en 2353 universidades de 115 países. Para a edición 2023 da súa conferencia anual, esta rede aliouse coa Cátedra Unesco da UVigo convertendo así a cidade olívica estes días no epicentro mundial do debate sobre o papel da educación transformadora nun contexto de globalización e hiperconexión. En total participan 209 persoas, 140 en modalidade presencial e 69 de xeito virtual, sendo esta a primeira vez que este encontro internacional se celebra en España.

Interdisciplinario e intercultural e con Noam Chomsky como convidado 

No acto de apertura participaron a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; o vicepresidente de STAR Scholars Network, Krishna Bista, e a presidenta do comité organizador e profesora da Universidade de Vigo, Elena de Prada. Os tres destacaron a importancia de foros coma este, no que académicos de todo o mundo compartan o seu coñecemento e experiencia, discuten estudos científicos e debaten sobre propostas innovadoras que camiñan cara unha práctica educativa transformadora. Ademais, puxeron en valor o carácter interdisciplinario e intercultural deste evento, xa que se abordan temas relacionado coa innovación tecnolóxica, a sostibilidade, a saúde ou a internacionalización e conta coa participación de profesionais de Europa, EEUU, Sudamérica e tamén de países, como Nepal, India, Mauricio ou Siria.

A conferencia inaugural correu a cargo da profesora María Paz Prendes, da Universidade de Murcia, que falou sobre o desafío de formar emprendedores dixitais nas universidades e o reto de formar ao alumnado en competencias clave. Ademais, esta evento terá esta tarde un cita moi especial, coa entrega dos premios Noam Chomsky Global Connections Awards. Na cerimonia intervirá, de xeito virtual, o lingüista, filósofo, politólogo e activista estadounidense que dá nome a estes galardóns que recoñecen os logros e achegas destacadas á investigación transnacional e que “poñen en valor o mellor da erudición e/ou colaboración entre académicos de todo o mundo”, como explican dende a organización.

Transformar a educación para transformar a sociedade

Como explican dende a organización, a sociedade deste século XXI está marcada “pola globalización, a hiperconexión, unha explosión de información e crises ecolóxicas alarmantes”. Para abordar estes desafíos, engaden, é necesario unha “transformación da ciencia, da sociedade e do comportamento humano, e isto só pode conseguirse logrando equidade e xustiza para todos. Pero esa transformación social esixe primeiro que transformemos o panorama da educación mesma, modelando e inspirando ao resto da sociedade na dirección correcta”. Precisamente, para abordar estes retos, STAR Global Conference ofrece “un lugar de encontro para académicos e profesionais de todo o mundo para discutir estudos científicos e proxectos innovadores que apoian a práctica educativa transformadora para fomentar o seu crecemento profesional e as súas achegas á sociedade. Cremos que estas prácticas deben ser inclusivas, activas, ambiental e socialmente sostibles e impulsadas por unha visión da tecnoloxía centrada no ser humano”.

Temáticas e conferencias plenarias

Ao longo das dúas xornadas que dura este simposio, as e os asistentes abordarán a través de relatorios, mesas de traballo, sesións de comunicación ou presentación diferentes propostas que se agrupan en catro eido temáticos. Por unha banda, exporanse traballos relacionados coa innovación e o progreso tecnolóxico, abordando a intelixencia artificial, a educación en aprendizaxe automático, a alfabetización mediática crítica para a cidadanía dixital ou o papel da tecnoloxía na creación de experiencias de aprendizaxe personalizadas. Tamén haberá oco para falar de conectividade global e competencias para a empregabilidade e o emprendemento e de creatividade e innovación na cultura, a empresa, a sociedade e a ciencia. Un segundo bloque temático centrarase nos enfoques sostibles e inclusivos no que se refire, por exemplo, ao papel da educación superior na promoción do desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático; as prácticas de liderado institucional ou as metodoloxías activas, STEAM e aprendizaxe permanente. O terceiro bloque céntrase na saúde, tanto mental como no benestar e aposta por enfoques holísticos e polo deporte como factor de desenvolvemento. Finalmente, o último ámbito é o da internacionalización e a comunicación, que comprende miradas sobre a conciencia intercultural e globalización, xestión da diversidade para unha sociedade máis inclusiva e cohesionada e competencias de comunicación efectiva e multilingüismo.

Entre as conferencias plenarias que van ter estes dous días están as de Rajani Naidoo, da University of Bath e da Cátedra Unesco de Xestión da Educación Superior; Manuel Curado, da Universidade de Minho; María Paz Prendes, da Universidad de Murcia; Krishna Bista, viceoresidente executivo sénior de STAR Scholars Network e e investigador da Morgan State University; Uttam Gaulee, predidente de STAR Scholars Network e tamén investigador da Morgan State University; Chris Glass, vicepresidente exectivo da rede e docente no Boston College; Lynn Pasquerella, presidente da American Association of Colleges and Universities; Pilar Mendoza, da University of Missouri e Mark Runco, da Southern Oregon University.