DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcada nos actos do 25 aniversario da Estación Fitopatolóxica

A exposición de Areeiro "Videiras" achega o agro aos alumnos

Permanecerá ata o venres no Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/11/2007

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro cumpre 25 anos e para celebralo achega ao campus a exposición Areeiro, 25 anos contribuíndo ó agro: Videiras, enmarcada dentro do proxecto de divulgación do traballo do centro. A mostra, que comezou coincidindo coa Semana Galega da Ciencia, percorre toda Galicia baixo diferentes nomes. Así, comezou en Pontevedra con Ornamentais, continuou en Santiago con Forestais e tralo seu paso por Ourense chegará a Vigo co de Froiteiras.
Coa finalidade de dar a coñecer aos alumnos as investigacións levadas a cabo nos diferentes ámbitos nos que traballan, a exposición divídese en 3 áreas, coincidindo coas propias seccións da Estación.
Por un lado a de fitopatoloxía, que centra a súa actividade na investigación e diagnóstico das enfermidades das plantas seguindo diferentes técnicas tanto no sector agrícola coma no forestal. Por outro, a de edafoloxía, que analiza a fertilidade dos solos e como mellorar a súa calidade, e por último, a de fruticultura e ornamentais. No apartado dedicado ás froitas, atopámonos con novas especies de recente introducción coma o guayabo ou o maracuyá, variedades autóctonas recuperadas e solucións para os problemas de cultivo, especialmente do kiwi. En canto ás plantas ornamentais, os estudios céntranse sobre todo nas camelias e os fentos, por consideralos representativos da flora galega.

A Estación Fitopatolóxica

Areeiro é un centro de investigación forestal dependente da Deputación de Pontevedra para o asesoramento dos agricultores ou de calquera persoa interesada no agro. Os seus técnicos están constantemente na busca de melloras no sector a través do seu propio traballo e da estreita relación con outros centros a nivel internacional.