DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía Obras Públicas encheu o Teatro Vidal Bolaño

Facendo o paripé é posible escachar coa risa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 01/12/2010

Teatro e música mesturados para traer ao mundo un novo xénero teatral, o paripé, onde a parodia e o humor son rescatados dos bares e levados de volta aos teatros. Con esta premisa e a súa última proposta baixo o brazo, a compañía Obras Públicas subía ao escenario do Teatro Vidal Bolaño do campus universitario para facer que o público gozara de Life is a paripé, 75 minutos de humor e liberdade nos que o medo a facer o ridículo non ten cabida. Dirixida e escrita por José Luis Prieto, gañador de dous premios Max, a obra foi galardoada co premio ao mellor espectáculo do Festival de Teatro Galego.

Non é para menos: con tres actores enriba do escenario (César Goldi, Iolanda Muíños e Mos), a través de distintos personaxes foron amosando ao espectador en que consiste realmente a arte da falsedade, de finxir e da traizón, aínda que argallando historias que rematan nunha explosión de humor que fixeron ao teatro enteiro escachar coa risa e deixar que as gargalladas se escoiten xa a distancia.

A vindeira cita, en Caixanova

Obras Públicas bebe do mellor caféteatro no que a máxima é desafiar todo o establecido e conseguir en cada espectáculo gañarse ao público con intimidade, proximidade e propoñendo personaxes coas que calquera pode sentirse identificado. Bo humor ante a crise co que remata a programación cultural neste cuadrimestre na Universidade de Vigo.

A última cita será no Centro Cultural Caixanova o vindeiro 15 de decembro, onde se celebrará o tradicional concerto de Nadal. Nesta ocasión os encargados de dar a benvida ás festas serán Berrogüetto, un dos grupos de música folk máis prestixiosos de Galicia. No escenario estará acompañado por Carmen Paris e as Pandereteiras de Cantigas e Agarimos.