DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun encontro na Illa de San Simón no que se presentará o ‘Proxecto Baliza’, no marco do Campus do Ma

A Facultade de Belas Artes busca inspiración nas profundidades do mar

Daranse a coñecer as liñas de investigación do centro, de interese para os novos estudantes de douto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 20/06/2012

O labor creativo e investigador da Facultade de Belas Artes trasládanse dende este xoves á Illa de San Simón cunhas xornadas “formativas e á vez amenas” nas que se porá en marcha o Proxecto Baliza, promovido por profesores do centro e enmarcado dentro do Campus do Mar. “Trátase dunha liña de traballo que dende o Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Vigo se dedica á arte”, explica o decano Juan Carlos Meana, que tamén decidiu organizar este encontro para informar aos estudantes de doutoramento das vías de investigación do centro.

Aínda que as xornadas comezan este xoves coa celebración de varios obradoiros formativos dirixidos ao novo persoal investigador, “o prato forte” do encontro queda reservado para o sábado 23 de xuño, día no que se presentará o Proxecto Baliza á Comisión Asesora do Campus do Mar así como a outros investigadores da Universidade para iniciar “uns primeiros contactos que poidan posibilitar a posta en marca de proxectos conxuntos”, sinala Meana. Esta iniciativa xorde dunha convocatoria pública do Ministerio de Educación “para impulsar que os Campus de Excelencia contemplen outros eidos máis aló do científico e tecnolóxico” e que contou coa súa aprobación. Aínda que este proxecto comezará a dar os seus primeiros pasos no vindeiro curso académico, xa están definidas as liñas de actuación, entre as que destacan a creación dunha base de datos, a realización de proxectos de investigación que poñan en relación a arte contemporánea co litoral, a organización de obradoiros sobre a transversalidade artística e a creación dunha publicación que faga visible os resultados obtidos.

Ademais desta compoñente innovadora, o sábado tamén será de interese para os alumnos e alumnas que acaban de rematar os seus estudos de grao ou de mestrado no eido das artes e das humanidades, xa que ás 11.00 horas o equipo docente fará unha presentación da investigación que se está levando a cabo na facultade. “Este acto cremos que é necesario dada a carencia de información que teñen os futuros doctorandos, posibilitándolles así seguir coa súa formación no ámbito máis adecuado”, apunta o decano.

A Illa de San Simón, unha contorna “ideal”

Será a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, a encargada de presentar publicamente ás 13.00 horas estas xornadas que tamén están abertas a toda a comunidade universitaria con inquedanzas artísticas. Ao longo do día celebrarase un ciclo de conferencias que inaugurará o profesor Juan Luís Moraza para afondar na arte como criterio nos Campus de Excelencia Internacional. Xa pola tarde seguiralle Kerin Ohlenschläger, crítica e comisaria de exposicións especializada en arte contemporánea e novas tecnoloxías, para que o encontro sexa clausurado da man de Salomé Cuesta, profesora da Universidad del País Vasco, que compartirá cos presentes a súa experiencia no proxecto Laboratorio de Luz.

Para Juan Carlos Meana, a illa de San Simón convértese nunha contorna perfecta “moi relacionada coa temática do mar”, ideal para desenvolver unha xornada de traballo “que ao mesmo tempo sexa lúdica e distendida”. Tal como informa o decanato, haberá un barco pola mañá que ten programada a súa saída ás 10.30 horas dende o porto de San Adrián de Cobres, para volver pola tarde unha vez que remate o ciclo de conferencias.