DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun espazo habilitado para proxeccións e para docencia vinculada co audiovisual

A Facultade de Comunicación estrea Aula de Cine

Acollerá desde agora a Máster Class Audiovisual Galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/02/2024

Como un espazo para a docencia de materias ligadas ao audiovisual, pero tamén para a proxección de múltiples contidos, preséntase a Aula de Cine da Facultade de Comunicación. A instalación dunha pantalla, un proxector e un equipo de son, sumados aos traballos de acondicionamento e iluminación realizados coa colaboración da Vicerreitoría do campus, permitiron á facultade converter a antiga aula 3 nun “espazo híbrido”, como o define a decana, Emma Torres. Por unha banda, porque contribuirá á formación do alumnado “en materias que requiren da visualización de filmes cunhas condicións adecuadas”, e por outra, porque se trata tamén dun espazo para a exhibición de múltiples producións audiovisuais, con capacidade para 116 persoas.

“Na facultade estane facendo moita produción audiovisual de gran calidade e consideramos que tanto para docencia como para exhibición necesitamos un espazo que reúna unhas condicións específicas”, salientou Torres da iniciativa impulsada polo centro, que este mércores celebraba a súa inauguración. “Para a Universidade, todas as accións que poidan supor unha mellora na adquisición de competencias e no desenvolvemento do currículo do noso alumnado, son algo prioritario”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, nun acto no que participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil, e Paulino Pérez, vicedecano e codirector da XIII Máster Class Audiovisual Galego (Augal), que desde esta xornada pasa a desenvolverse neste espazo.

Un espazo que converter tamén nun “laboratorio” no futuro

Esta Aula de Cine empregarase tanto para a docencia de materias que requiren da proxección de contidos audiovisuais, pero tamén como un espazo para a exhibición, que podería “ser uinha vía de apertura da facultade á cidade”, como engade o vicedecano de Infraestruturas e Asuntos Económicos, Oswaldo García. “Sendo prioritariamente un espazo de formación e docencia, pensamos que vai ser tamén a Aula de Cine do campus”, engade Torres, que incide, non obstante, en que a pesar da súa posta en funcionamento, é tamén un espazo "que necesitará melloras”. De feito, o obxectivo é promover no futuro actuacións como o seu acondicionamento acústico, que permitan facer tamén desta aula “un laboratorio”, como sinala García, no que poidan probarse proxectos audiovisuais e acometer tarefas como a corrección de son.

Novo escenario de Augal

A Aula de Cine estreouse nesta xornada con Augal, un ciclo de proxeccións e coloquios con profesionais do audiovisual que a facultade promove co patrocinio da Agadic. A sesión desta xornada, centrada nas curtametraxes, contou coa participación de Nani Matos e Andrea Varela, director e produtora de Antes de que se poña o sol; Fernando Tato, director de A entrevista; e o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz, coguionista de Amanece la noche más larga

A décimo terceira edición de Augal continuará o 21 de febreiro, coa participación de Jaione Camborda, quen se alzaba hai uns meses coa Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián con O Corno. Á semana seguinte, poderá verse Salta!, de Olga Ossorio, e o 6 de marzo Ghaleb Jaber Martínez falará da serie Motel Walkirias. Finalmente, o 13 de marzo, clausurarase con Matria, unha longa do egresado da facultade Álvaro Gago, que suma 16 candidaturas aos Goya.