DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de 'Culturkata 2023' desenvolverase entre o mércores 19 e o xoves 27 de abril

A Facultade de Comunicación promove un conxunto de actividades centradas na creatividade publicitaria e audiovisual

Coa participación de profesionais de referencia e egresados do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/04/2023

Complementar a formación do seu alumnado a través dunha serie de conferencias e actividades formativas que acheguen ao centro tanto referentes dos sectores da publicidade e do audiovisual como a profesionais formados nas súas aulas. Esta idea é a base da Semana da Creatividade Culturkata 2023, un programa de actividades que a Facultade de Comunicación desenvolverá entre o 19 e o 27 de abril, coincidindo coa conmemoración tanto do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, o día 21, como coa celebración da patroa do centro, Santa Catarina de Siena, o 28. Organizadas coa colaboración da Vicerreitoría do campus, a Unidade de Igualdade da UVigo e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, entre as actividades que engloba esta programación figuran iniciativas como un coloquio co creativo Toni Segarra, que a revista Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes de España, unha xornada sobre a publicidade como ferramenta impulsora da igualdade ou un taller sobre verificación de información.

Abertas ao público, trátase dun conxunto de actividades dirixidas a “dinamizar a facultade”, como explica o seu vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, nas que se establecen “sinerxías coa Vicerreitoría do campus” e a programación da Semana da Creatividade e da Innovación, da que forman parte varias das propostas inseridas en Culturkata 2023. Organizadas tamén co apoio asociación de estudantes Freshy e co alumnado responsable das celebracións de Santa Kata, trátase dun conxunto de propostas que comparten ese mesmo eixe temático, aínda que centrándose neste caso, explica Pérez, “na creatividade no ámbito da publicidade e a comunicación audiovisual”. 

Unha exposición e un dos principais creativos de España

A programación de Culturkata 2023 e da Semana da Creatividade e da Innovación arrancará conxuntamente o mércores 19 de abril, cun acto de presentación que se verá sucedido pola inauguración da exposición Do soño á realidade, 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos. Coordinada polos profesores Pedro Figueroa e Ana Dopico, trátase dunha mostra que reúne os traballos desenvolvidos por alumnado de Publicidade e RRPP e de Comunicación Audiovisual nun seminario de innovación no que deben abordar as diferentes fases de deseño dun novo produto. Tras esta, ás 13.00 horas terá lugar unha conferencia sobre innovación tecnolóxica a cargo da egresada da facultade Noelia Vázquez, responsable de innovación aplicada da consultora tecnolóxica Capgemini. 

Ao día seguinte, o xoves 20, o alumnado terá “a oportunidade de escoitar a un dos mellores talentos creativos do panorama nacional e internacional”, Toni Segarra. Recoñecido pola revista Anuncios como o mellor creativo español do século XX, presentará xunto a David Torrejón o libro Toni Segarra y la Publicidad, un libro que, a través dun diálogo entre estes dous profesionais, busca afondar nas claves do pensamento creativo dun profesional que acumula 39 leóns no Festival Internacional da Creatividade de Cannes e máis dun centenar de premios Sol, do Festival Iberoamericano de Comunicación Publicitaria. 

Publicidade contra as desigualdades

Financiada pola Unidade de Igualdade da UVigo e coordinada polo profesor Alberto Dafonte, a programación continúa o venres 21 coa xornada A creatividade publicitaria como ferramenta transformadora e impulsora de igualdade, na que unha serie de conferencias porán o foco tanto nas desigualdades existentes no sector publicitario como en como desde este ámbito poden combaterse os estereotipos de xénero. Esta actividade arrancará cun relatorio da creativa Iria Otero, responsable do proxecto Filling the gap, no que afonda en diferentes temáticas relacionadas coa perspectiva de xénero este sector profesional. Tras a súa intervención, a xornada continuará cun relatorio de Alba Cobo sobre diversidade corporal e publicidade, para contar logo con Cristina Guezuraga, da escola de creativas Proxecto Oh! Sister, nun relatorio titulado Transformar o de dentro. Falemos do que nos pasa ás creativas. Finalmente, esta actividade completarase cunha intervención por videoconferencia de Rocío Restaino, centrada no uso de linguaxe inclusiva na comunicación das marcas.

Da verificación de información ás profesionais formadas no centro

Xa a semana seguinte, a actividade continúa o luns 24 co coloquio Wedding planners: creatividade na túa voda, dirixido a achegar as experiencias de dúas profesionais formadas no centro, Iria Viñas e Andrea Area, na organización, xestión e realización de traballos fotográficos e audiovisuais para as vodas, “que se están convertendo nuns eventos nos que cada vez traballa máis xente formada na facultade”, recoñece Pérez.

O martes 25 terá lugar o Obradoiro de verificación de información. Fact checkers, coordinado tamén por Dafonte e impartido pola xornalista especializada en aflabetización mediática Vivian Rangel, de Maldita.es. Ademais de achegar ao alumnado unha serie de nocións, recursos e exemplos prácticos para contrastar información, fotografías ou vídeos, este coloquio servirá tamén para presentarlles o proxecto Iberifier, financiado pola Unión Europea e dirixido a articular un observatorio de medios dixitais e desinformación en España e Portugal. 

Ao día seguinte, a facultade acollerá unha conferencia do coordinador xeral de Daveiga, Xosé Lois Lamazares, presentada por Figueroa e dirixida a afondar na traxectoria dunha empresa que, desde a economía social e o rural, logrou alcanzar unha facturación anual de seis millóns de euros. Finlamente, a programación péchase o xoves 27 co coloquio E estas dúas quen son? A vida despois de CAV, dirixido a presentar “un percorrido pola traxectoria profeisonal, dende a facultade ata o mercado laboral”, de dúas tituladas, a directora de cine Lucía Estévez, codirectora da serie Los Argonautas de TVE, e a guionista Sara Varela, que traballou para produtoras como Portocabo e para Antena 3. 

Programación de Culturkata 2023