DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvólvese do 12 ao 14 de decembro de xeito semipresencial

A Facultade de Educación e Traballo Social, unha das sedes do I Congreso Ciudades de los Muchachos

Nel analízase o legado de Benposta e a súa pervivencia en diferentes proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 13/12/2023

Esta semana, do 12 ao 14 de decembro, celébrase de xeito semipresencial o I Congreso Ciudades de los Muchachos, no que se fai memoria de Benposta e se aborda o seu legado e os proxectos herdeiros dela. A cita está organizada por CiudadEscuela Muchachos (CEMU) de Leganés, Boys Town (Nebraska, Estados Unidos), Benposta Nación de Muchach@s Colombia e a Asociación Cultural Padre Silva, de Ourense, contando co apoio da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e da Universidad Autónoma de Madrid.

Concretamente, a facultade da UVigo é unha das sedes do congreso desde a que se desenvolve cada tarde a programación, que se pode seguir de xeito virtual. Así, este martes pola tarde estiveron no arranque da programación Xosé Manuel Cid, decano desta facultade; Bartolomé Pidal, presidente de la Asociación Cultural Padre Silva; Tamara Silva, concelleira de Educación e Xuventude de Ourense, e persoas vinculadas á xa extinta Benposta, como Clara Silva, irmá do seu fundador, o Padre Silva. Este mércores, entre a programación prevista Xosé Manuel Cid intervirá na mesa redonda Arquitectura e Pedagoxía, facendo un achegamento ao “irmanamento necesario entre arquitectura e educación” proposto en Benposta. Así afondará no seu enfoque de que, ademais das instalacións escolares, “eduque toda a cidade, considerando que todas as instalacións da cidade, os espazos que habitamos, son instalacións educativas”. “A cidade considérase como un recurso de educación a tempo completo: educan os parques, as zonas de ocio, as zonas culturais, etc”, afirma o docente.

Sobre a participación do seu centro neste congreso, Xosé Manuel Cid explica “para a nosa facultade é moi importante que se recupera a memoria histórica dunha institución como Benposta que naceu en Ourense e que aínda que aquí xa está desaparecida, conta con centros vivos en Venezuela e Colombia, por citar algúns deles”. O decano lembra ademais como o centro ten un convenio con Benposta Nación de Muchach@s Colombia que permite na actualidade a alumnado do Grao de Educación Social facer as súas prácticas neste centro na cidade de Bogotá e participar “dunha experiencia de educación social do máximo nivel”.