DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo de cine ‘As mulleres de Irán e Afganistán no cine iraní’

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle a estrea española dun filme perseguido en Irán

A protagonista da película, froito dunha tese de doutoramento, foi condenada a un ano de cárcere e 9

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 18/11/2011

Facer visible ás directoras de filmes e os temas que tratan e render unha pequena homenaxe a Jafar Panahi, “un realizador iraní feminista moi sensibilizado coa problemática” de ser muller nalgúns países árabes. Ese é o obxectivo do ciclo de cine As mulleres de Irán e Afganistán no cine iraní, que dende o luns 21 de novembro e durante tres días proxectará na Facultade de Filoloxía e Tradución filmes cunha importante carga social e emocional. “Non foi doado atopar as películas, incluso tivemos que desbotar unha porque só estaba en persa, sen dobrar e sen subtítulos. Unha delas de feito só a conseguimos en alemán subtitulada en inglés”, explica Mina Shayan, doutoranda en estudos de xénero organizadora do evento co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. As sesións, de entrada libre e gratuíta “para todos os interesados en coñecer outras culturas”, comezarán ás 16 horas e rematarán cun coloquio entre os asistentes. As proxeccións serán en versión orixinal con subtítulos.

En Irán, só no mercado negro

Destas tres xornadas destaca a estrea en España o día 23 da película Mi Teherán en venta, un filme que lle valeu a súa protagonista, Marzie Vafamehrha, a condena a un ano de cárcere e a recibir 90 lategazos por ser crítica co réxime do país, aparecer en varias escenas coa cabeza rapada e sen cubrir ou tocar algúns temas tabús en Irán, como o uso das drogas. Producida hai xa catro anos como tese de doutoramento de Garanaz Musavi, de orixe iraní, o filme foi presentado en varios festivais internacionais pero non en Irán, a onde chegou a través do mercado negro. A pesar de que contaba con todos os permisos do Ministerio de Cultura e Orientación Islámica, tras a rodaxe as autoridades iranís detiveron a gran parte do reparto, aínda que só Vafamehrha foi condenada.

Unha chiscadela ás mulleres do país veciño

O ciclo comezará o vindeiro luns coa proxección de Off-side, do director Jafar Panahi, que recolle a odisea que se vive en Irán para ir a ver un partido de fútbol a un estadio se es muller: disfrázanse de homes, pero moitas son detidas ás portas e entregadas á brigada antivicio. Gañador dun Oso de Prata no Festival de Cine de Berlín por esta película e férreo defensor dos dereitos femininos, Panahi foi condenado polo seu traballo a 6 anos de prisión e a non poder dirixir películas, escribir guións, dar entrevistas en medios de comunicación nacionais ou estranxeiros e a non poder saír do país durante 20 anos.

O martes, o ciclo de cine iraní fará unha chiscadela ao país veciño co filme A las cinco de la tarde, de Samira Makhmalbaf. Feita en 2003, a película conta a historia dunha muller que soña con ser política e a converterse na primeira presidenta de Afganistán tras a reapertura das escolas para mulleres ao caer o réxime talibán. Sen embargo, as tradicións e o pensamento machista seguen profundamente arraigados na vida social do país. “Con esta película queremos volver a mirada cara as mulleres afganas, que quedaron un pouco esquecidas. En pleno réxime talibán falábase moito delas; agora ninguén se acorda delas, pero o burka segue aí”, subliña Shayan.