DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Día Internacional da Tradución, con conferencias centradas na calidade

A Facultade de Filoloxía e Tradución reivindica “un mundo de voces”

O vicerreitor de Relacións Internacionais anunciou a creación dun Servizo de Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/09/2010
Dende 1991 vense celebrando o Día Internacional da Tradución, unha iniciativa á que se adhire a Facultade de Filoloxía e Tradución, como centro que imparte esta titulación en exclusiva en Galicia. Cunha serie de relatorios e conferencias baixo o título Calidade da tradución para un mundo de voces, téntase recoñecer o traballo destes profesionais e poñer en valor o papel da tradución na mediación e difusión cultural. Nesta senda, o vicerreitor Manuel Fernández, anunciou no acto de inauguración, a próxima creación dun Servizo de Tradución que dea resposta ás necesidades da comunidade universitaria neste eido.

Sobre o recoñecemento necesario da profesión, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, lembrou que “o internacional ten un significado especial para os galegos”, sempre incorporados ás correntes de intercambio cultural e integrados no panorama internacional. Nunha época de grandes transformacións, “Galicia debe seguir sendo un elemento activo de distribución do coñecemento”, apuntou referencia á tradición migratoria do país, de traballo exportado, pero tamén “de capital intelectual”. López subliñou que “fomos quen de conservar a identidade e, ao tempo, intervir en sociedades alleas, pero tamén somos destino dos produtos culturais”, estando no centro deste proceso o traballo de tradución.

Co director xeral coincidiu tamén a decana do centro, Rosa Pérez, que lembrou que Tradución e Interpretación é unha titulación exclusiva do Sistema Universitario de Galicia. “Formamos filólogos, tradutores e lingüistas pero a tradución é o que os une a todos, por onde todo pasa”, explicou a decana que se referiu tamén ao proceso de transformación da licenciatura ao grao. “Agardamos que sirva para formar aínda mellores profesionais” subliñou lembrando que o alumnado de Tradución e Interpretación conforma o groso do estudantado do centro.

O director xeral concluíu remarcando que a facultade “permite ter acceso a mensaxes lingüísticas distintas, a realidades escritas lonxe do país, ofrece garantías de futuro, un labor creativo con sentido do tempo presente e vocación de futuro”.

Un Servizo de Tradución no horizonte

A posta en valor da tradución tivo neste acto o recoñecemento do vicerreitor Manuel Fernández ao anunciar a próxima creación dun Servizo de Tradución na Universidade, “algo no que estamos traballando para pode levalo a cabo baixo a premisa da calidade e para o que contaremos coa colaboración da facultade, xa que temos que apostar pola xente da casa, alumnado e docentes, na construción do servizo e no seu mantemento”. O vicerreitor de Relacións Internacionais explicou que se tratará dun elemento que debe dar servizo á comunidade universitaria tanto a nivel interno como nas tarefas “de proxección cara á sociedade”.

Tedemet, un método de detección de erros na tradución

A xornada contou con varios relatorios, o primeiro deles da man da profesora Liliana Valado, sobre o método Tedemet (Translation Error Detection Method Theory) desenvolvido pola propia docente como ferramenta de detección de erros no proceso de tradución. Segundo Valado, no concepto de tradución “débese ter presente a idea de que a tradución debe estar enfocada ás necesidades do cliente”. Dez anos de experiencia no sector editorial galego traducindo principalmente textos do español ao galego, servíronlle á profesora do Departamento de Tradución e Lingüística, para desenvolver Tedemet, un método de avaliación da calidade da tradución. Este sistema, segundo a propia autora. “baséase en dous parámetros, a competencia do tradutor e o volume da tradución”. Este binomio competencia-volume permite sincronizar as fases da tradución e fixar as datas de entrega e detecta os erros, non só no texto final, senón en todas as fases do proceso, “polo que a calidade non é o resultado, é o proceso”.

Ademais de Valado, a xornada contou coa presenza do profesora Solveig Kurowsky, da Universidade de Massachusetts, cun relatorio sobre Summary Translation and Quality Control e, para pechar, interveu Xavier Queipo, creador e tradutor, que achegou aos asistentes unha conferencia titulada Os vasos comunicantes.