DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Comendador leva tres anos á fronte do centro

A Facultade de Historia celebrará eleccións a Decanato o 16 de decembro

O prazo de presentación de candidaturas abrirase o vindeiro 28 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 07/11/2014
Tras tres anos ao fronte da Facultade de Historia, o equipo decanal encabezado por Beatriz Comendador acaba de abrir un novo proceso electoral para decidir quen será a persoa responsable de dirixir o centro durante o próximo trienio. O primeiro paso darase o vindeiro 20 de novembro coa constitución da Xunta Electoral e a exposición dos censos do PDI, PAS e alumnado chamado a elixir o vindeiro martes 16 de decembro ao novo decano ou decana do centro. Tras un prazo de seis días para posibles reclamacións, o 27 de novembro exporanse os censos definitivos.

Todos os interesados en optar a dirixir a Facultade de Historia terán entre o 28 de novembro e o 3 de decembro para presentar as súas candidaturas. O 4 de decembro farase a proclamación provisional de candidatos, aínda que haberá que esperar uns días ata saber as listaxes definitivas: tras o prazo de presentación de reclamacións, entre os días 5 e 12 do mes que vén, o vindeiro 15 de decembro establecerase a lista oficial definitiva de posibles candidatos a decano ou decana. A votación será ao día seguinte, o 16 de decembro.

Actual equipo decanal

Tras a xubilación de Milagros Cavada e os meses en funcións de María Victoria Carballo-Calero, a chegada da arqueóloga Beatriz Comendador ao Decanato abriu unha nova etapa na que os principais retos eran a captación de novo alumnado e a apertura das saídas profesionais para os estudantes do centro. Candidata única e elixida por unanimidade, nestes tres anos Comendador estivo rodeada dun equipo con ampla experiencia: a vicedecana, Susana Reboreda, foi decana do centro nunha etapa anterior e a secretaria, María del Carmen Fernández, é xefa de administración da Facultade de Historia.