DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvólvese este luns e este mércores pola tarde

A Facultade de Relacións Internacionais organiza unhas xornadas co gallo do Día Internacional da Muller

Co lema e a temática “investir en mulleres”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 05/02/2024

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organiza, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a xornada International Women’s Day. Invest in women. A temática da actividade, explican desde a súa organización, toma o lema da celebración deste ano elixido polas Nacións Unidas, que é “investir nas mulleres”, e sobre ela céntranse as dúas conferencias propostas na xornada.

A actividade está organizada polo decanato da Facultade de Relacións Internacionais e coordinada pola catedrática María Lameiras, enlace de Igualdade deste centro, e desenvolverase de xeito presencial no edificio Xurídico-Empresarial do campus e de xeito virtual a través do Campus Remoto da UVigo.  Está aberta ao público interesado, aínda que está especialmente pensada para o alumnado do centro organizador e os demais membros da comunidade universitaria. A programación deste luns, tras a inauguración a cargo de Laura Carballo, decana do centro, e a propia María Lameiras, contará coa conferencia Was #MeToo good for women? Evidence from Poland, a cargo de Magdalena Grzyb, da Uniwersytet Jagiellonski, de Polonia. Xa o día 7 seguiralle a conferencia Promoting positive masculinities to address violence against women, de Mariano Salazar, do Karolinska Institutet, de Suecia.

Nacións Unidas, detallan desde a organización da xornada, identifica as cinco áreas que requiren da acción conxunta que non deixe atrás a ningunha muller: investir nas mulleres porque é unha cuestión de dereitos humanos; combater a pobreza xa que son máis nenas e mulleres as que viven en situacións de pobreza severa; activar un financiamento que permita realmente transformacións en prol da igualdade das mulleres; avanzar cara un desenvolvemento sostible xa que a pobreza e deterioración ambiental afecta desproporcionadamente as mulleres; e, apoiar as organizacións feministas xa que son as que lideran a loita contra as desigualdades das nenas e mulleres no mundo. “O obxetivo desta xornada focalízase en concienciar, activando o pensamento crítico, sobre as desigualdades de xénero a nivel global e como estas seguen estruturando as sociedades e minguan os avances do benestar para todas as persoas, para así poder activar accións trasformadoras”, afirman as responsables da actividade.