DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se establece nunha tese defendida na EUET Forestal

A falta de transparencia na implantación da Rede Natura 2000 provoca a desconfianza das sociedades rurais afectadas

Tamén expón a falta de financiamento como o principal obstáculo para o seu futuro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 21/01/2008

A ausencia de consenso e a opacidade no procedemento de designación dos lugares que conforman a Rede Natura 2000, a principal normativa para a conservación da natureza na Unión Europea, é unha das causas do elevado descontento dos implicados no proceso, como son as organizacións profesionais agrarias, gandeiras, forestais e cinexéticas, así como os propietarios, corporacións municipais e sindicatos. Esta falta de transparencia por parte das autoridades españolas é unhas das denuncias que se expoñen na tese de doutoramento, defendida na EUET Forestal, da avogada Isabel Manzano.
Manzano destaca que á hora de implantar dita rede non houbo unha fase previa de información pública ou de consulta aos interesados “chama a atención a escasa información aportada a día de hoxe aos propios protagonistas e afectados do rural sobre os motivos de declaración dos espazos ou os valores naturais a protexer”, salienta.
Segundo se expón nesta investigación, ademais dun problema de información, móstrase unha ausencia de concertación entre a administración e as comunidades rurais, que soportarán as consecuencias da consolidación da Rede Natura nos seus territorios. “Por todo isto non resulta estraño que esta iniciativa se acolla con desconfianza nunhas sociedades rurais que non foron vinculadas ás novas directrices de xestión territorial, aínda máis cando a propia Directiva Comunitaria proclama que a normativa terá que edificarse tendo en conta as condicións sociais, económicas e culturais dos lugares a declarar”, salienta a investigadora.

A falta de financiamento, o maior obstáculo

Ademais da escasa transparencia, no proxecto tamén se destaca que a falta de financiamento comunitario prevista na propia rede, representa o maior obstáculo para un futuro viable de Natura 2000. Segundo a responsable da investigación, “se ben é unha premisa imposta con claridade no artigo 8º da directiva, non se conseguiu dotar de presuposto comunitario propio para sustentar a rede”. Poucos países da Unión Europea dispoñen de fondos e de persoal dedicados exclusivamente ao mantemento deste proxecto, o que se mostra insuficiente para desenvolver unha xestión activa e adecuada. Estímase que ata agora o futuro do financiamento da Rede Natura 2000 segue sendo incerto, ademais de non avanzar na coordinación e clarificación dos fondos que terá que soportar.

Unha análise desde diferentes puntos de vista

Esta tese pretende proporcionar un instrumento de estudo da Rede Natura 2000, tanto desde o punto de vista da súa confluencia co dereito da propiedade como desde o das incidencias na ordenación dos usos e aproveitamentos do territorio. Para isto, a investigación ocúpase de realizar unha análise das dúas directivas que configuran dita rede: a Directiva Hábitats 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e a flora silvestres e a Directiva Aves 79/409/CEE, dedicada á conservación das aves silvestres. Neste senso estúdase a súa implantación á escala da Unión Europea, no ámbito de España e en cada unha das comunidades autónomas. A regulación sectorial do noso ordenamento xurídico en relación coa Rede Natura, cunha mención especial á normativa urbanística tanto estatal como na comunidade autónoma de Galicia é outra das etapas seguidas na tese, para continuar cun estudo do Estatuto Xurídico da Propiedade. Trátase deste xeito de expoñer as discrepancias que se observan nos terreos de Natura 2000 debido á confrontación de dereitos, limitacións do seu uso e conflitos entre as normativas vixentes.

A necesidade dun réxime xurídico específico

Esta investigación demostrou que na aplicación da normativa de Natura 2000 vulnéranse ou limítanse usos e capacidades territoriais e, para evitalo, os cidadáns teñen perfecto dereito a esixir que, segundo o principio de seguridade xurídica, os rexistros da propiedade publicaran e inscribiran este tipo de situacións medio ambientais. Por outra banda, a inclusión dun terreo dentro de Natura 2000 non debería levar aparellada a consideración dunha nova forma de clasificación do solo, senón que se suxire defender a idea de que se non se trata dun espazo natural protexido de forma xeral, o obxectivo é establecer unha serie de medidas para a protección de determinadas especies e hábitats considerados prioritarios para o mantemento do medio natural.